• O gañador foi Pablo Grela Palleiro polo proxecto Radiocom
  • O gañador do segundo premio foi Michael García Rodríguez polo proxecto Estudo da reproducibilidade do CMIP5
  • O galardón busca o achegamento dos universitarios galegos ao software libre, e apertura a novas posibilidades de emprego relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación

Pablo Grela Palleiro xunto con Roberto Martín, coordinador da OSL do CIXUG.

O venres pasado fallouse o premio da X edición do Premio ao mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre convocado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) coa colaboración da Oficina de Software Libre do CIXUG.

O primeiro premio recaeu en Pablo Grela Palleiro, da Universidade de A Coruña polo proxecto Radiocom consistente nunha aplicación móbil para unha radio comunitaria que permite escoitar podcast, streaming, ver a programación da semana, reportar incidencias, solicitar recursos e poder acceder de maneira áxil aos programas. Este recoñecemento ten unha dotación económica de 1.500 euros achegada polo CIXUG ao abeiro do Convenio de colaboración asinado coa Amtega.

Michael García Rodríguez xunto con David Maseda en representación de GPUL.

Ademais, concedeuse tamén un segundo premio a Michael García Rodríguez da Universidade de Vigo polo proxecto Estudo da reproducibilidade do CMIP5 consistente nun estudo realizado sobre os modelos pertencentes ao CMIP5 acerca da súa reproducibilidade científica, centrándose na dispoñibilidade do código do modelo e da calidade do mesmo, cunha dotación económica de 750€ achegados pola Asociación GPUL, colaboradora da iniciativa ao abeiro do convenio de colaboración asinado coa Amtega.

Finalistas

Os outros finalistas do premio, a quen o xurado felicitou polo seu traballo foron:

  • Óscar Núñez Aguado. Web do audiovisual escolar galego. Unha aplicación web que permite xestionar unha videoteca e organizar concursos audiovisuais relacionados con contornas escolares.
  • Daniel Pereira Alonso. GASATaD. Proxecto que permite procesar ficheiros CSV ou XLSX e xerar diferentes tests estatísticos e gráficos a partir dos seus datos.

Xurado

O xurado estivo composto por Nieves Pedreira Souto en representación da Universidade da Coruña; José Varela Pet en representación da Universidade de Santiago de Compostela; Francisco Javier Rodríguez Martínez en representación da Universidade de Vigo; David Maseda Neira en representación da Asociación de Programadores e Usuarios de Linux, GPUL; Breogán Cinza Cabarcos en representación da Amtega e Mar Castro Pereiro en representación da Oficina de Software Libre da Amtega.

Sobre o Premio ao mellor Proxecto de Fin de Carreira con Software Libre

A Amtega convoca este importante premio dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do Software Libre na cidadanía galega recollidas no Plan de Acción en Materia de Software Libre 2017.

Con esta iniciativa a Xunta desexa continuar premiando o labor que están a realizar os universitarios galegos á vez que se pon en valor o traballo que realizan durante o seu Proxecto Fin de Carreira e todo elo promovendo o emprego e difusión do Software Libre como ferramenta de achegamento ao mundo laboral.

A colaboración do CIXUG e do GPUL neste premio forma parte das actividades que ambos realizan ao abeiro dos respectivos convenios de colaboración asinados coa Amtega para a realización de actividades de promoción do Software Libre en Galicia no marco do Plan de Acción en Software Libre 2017.

Pin It on Pinterest

Share This