A Akademy-es deste ano celebrarase en Vigo do 28 ao 30 xuño no Museo de Arte Contemporáneo, tamén coñecido como MARCO, este evento está organizado pola asociación KDE España e GALPon.

A Akademy-es é o encontro de desenvolvedores, colaboradores e usuarios de KDE en España. Este evento celébrase cada ano nunha cidade española onde teñen lugar diversas actividades sobre o software libre en xeral e en particular arredor de KDE. En Galicia xa contamos con dúas das edicións da Akademy-es, ambas na Coruña, nos anos 2008 e 2015, neste último coincidindo tamén co evento internacional Akademy dese ano.

Os obxectivos deste evento son por un lado fomentar e dar a coñecer os proxectos de KDE e outros proxectos libres relacionados tanto a usuarios da comunidade coma a novos usuarios e por outro lado manter en contacto a usuarios, desenvolvedores e colaboradores en xeral mediante distintas actividades nas que poderán falar dos proxectos nos que traballen compartindo experiencias, código e coñecemento aprendendo todos xuntos.

KDE

KDE é a comunidade creada arredor da contorna de escritorio homónima, a cal dende hai uns anos se chama Plasma. Esta comunidade de desenvolvedores, usuarios e colaboradores non só engloba á contorna de escritorio, senón que tamén contribúen con outros proxectos libres como as KDE Applications (Krita, Okular, Kate, Cantor, Dolphin, Kile, K3b, Kdenlive…) Plasma Mobile, KDE neon ou WikiToLearn entre outros, trátase dunha comunidade que conta con unha asociación a nivel internacional con sede en Alemaña (KDE e.V.) e con diversas asociacións de ámbito máis local como é o caso de KDE España.

Participación no evento

Dende a organización do evento continúan buscando axuda co evento para que este sexa un éxito organizativo. Existen varios xeitos de colaborar: participando como relatores, mediante un patrocinio, participando como voluntario durante o propio evento e por suposto, acudindo ao evento.

  • “Call for papers” aberto ata o día 19 de maio, pódense enviar as propostas de actividades nesta ligazón.
  • Patrocinio do evento para empresas e asociacións dende 250€. Para máis detalles, pode verse o dosier de patrocinios do evento.
  • Rexistro no evento: O rexistro no evento estará aberto dende a páxina web do mesmo a partir do día 29 de abril.

 

Fonte orixinal da imaxe: https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Centro_e_porto_de_Vigo_cropped.jpg

Pin It on Pinterest

Share This