Vén de publicarse unha actualización dos materiais formativos da Certificación galega de competencias dixitais en ofimática coas correccións realizadas aos mesmos, logo dos erros ou eivas detectadas durante a impartición dos cursos do pasado ano 2014.

Imaxe das portadas das unidades formativas publicadas do CODIX

Lembramos que estes materiais, están dispoñibles coa licenza libre CC-by-sa e en diversos formatos (pdf, epub, scorm e elp) para a súa reutilización por parte de calquera persoa interesada. Así poden ser de utilidade para a autoformación da cidadanía, ou mesmo para centros educativos, interesados en ofrecer formación para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática, CODIX.

Esta formación no uso do sistema operativo GNU/Linux e a suite ofimática LibreOffice está sen dúbida a ter unha moi boa acollida pola cidadanía, xa que as 180 prazas ofertadas o pasado 10 de febreiro pola Amtega na primeira convocatoria deste ano para obter o CODIX, rematáronse en tan só unha hora. Estas persoas admitidas deberán superar un exame presencial, unha vez rematado o curso de teleformación titorizada a través da rede CeMIT.
Para aquelas persoas que non acadaron praza neste convocatoria de formación, lembrar que seguen tendo dispoñible a opción de acceder ao programa de autoformación, a través do Espazo Multimedia de Aprendizaxe (EMA) da Rede CeMIT, previa alta como usuario da Rede CeMIT e automatriculándose na sección “Autoformación” – “CODIX Ofimática”. Ao tratarse de autoformación, non disporán de servizo de titorización ou resolución de dúbidas, pero si empregarán os mesmos contidos formativos que se empregan na convocatoria titorizada e que veñen de ser actualizados no Repositorio Documental.

O acceso aos contidos das actividades do programa de autoformación e a resposta a cuestionarios de corrección automática non dá dereito á expedición do certificado regulado no Decreto 218/2011, do 17 de novembro, nin á obtención de ningún tipo de certificación.

Lembramos que o material formativo da Certificación galega de competencias dixitais en ofimática foi publicado o pasado mes de Decembro no Repositorio Documental de Software Libre, seguindo as boas prácticas recollidas na Guía de boas prácticas para a publicación de obras documentais da Xunta de Galicia

  • UF0319 – Sistema operativo, procura da información: internet/intranet e correo electrónico.
  • UF0320 – Aplicacións informáticas de tratamento de textos: LibreOffice Writer
  • UF0321 – Aplicacións informáticas de follas de cálculo: LibreOffice Calc (Actualizado)
  • UF0322- Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais: LibreOffice Base
  • UF0323- Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información: LibreOffice Impress (Actualizado)

Os materiais están dispoñibles nos seguintes formatos:

  • elp: Formato editable do aplicativo de elaboración de materiais formativos, exelearning, que posibilita que calquera poida corrixir, modificar, ampliar, engadir exercicios, etc aos materiais.
  • Scorm: Formato estándar para a súa reutilización en plataformas de teleformación.
  • pdf: O curso impreso en formato pdf para facilitar a súa visualización en calquera dispositivo que conte cun lector de pdf.
  • epub: Formato estándar para a súa lectura en dispositivos móbiles, ereaders, etc

Cómpre mencionar que tanto os formatos epub como pdf, serven para que calquera poida descargar e acceder aos contidos sen necesidade de permanecer conectado, pero obviamente coa contrapartida de perder as posibilidades de visualizar vídeos, ou realizar exercicios de autoavaliación, para o que recomendamos seguir os cursos a través da plataforma EMA da rede CeMIT.

Todos os materiais publícanse coa licenza CC-by-sa, co que calquera persoa é libre de descargalos, empregalos, distribuílos, modificalos, etc sempre que recoñeza ao autor orixinal e en caso de que distribúa os materiais modificados o faga empregando a mesma licenza.

Pin It on Pinterest

Share This