Un ano máis anunciamos a nova edición do Concurso Universitario de Software Libre o cal naceu en 2006 e está impulsado por diversas universidades do estado e por empresas TIC.

Trátase dun concurso de desenvolvemento de software, hardware e documentación técnica libre no que pode participar toda persoa universitaria, tanto estudantes de grao, mestrado e doutorado así como calquera estudante de ciclo medio ou superior e de bacharelato.
Todos os participantes dispoñerán dun blog onde poderán ir contando a evolución do seu traballo durante o curso académico ademais de empregar un repositorio como GitHub, GitLab ou LaunchPad onde deberá aloxar o código fonte do seu traballo.

Este concurso ten como misión fomentar o uso e o desenvolvemento de software, hardware e documentación libre no entorno estudantil; pois o software libre é un complemento perfecto na formación dos estudantes permitindo obter experiencia nos procesos involucrados no desenvolvemento tanto de hardware coma de software en momentos previos ao inicio da vida laboral.

O CUSL conta con varias fases que se poden ver na páxina web e que resumimos a continuación:

  • A fase de inscrición dende o 19 de novembro ata o 15 de febreiro, período no que toda persoa interesada deberá cumprimentar o formulario de inscrición para poder participar do concurso.
  • A fase de desenvolvemento será o período no que os aspirantes desenvolvan o traballo que posteriormente será avaliado.
  • A fase de avaliación, que será en abril, é a etapa na que o xurado avaliará e escollerá os proxectos seleccionados para a fase final.
  • A fase final terá lugar en maio.

Alén de participar como estudante no concurso, as entidades organizadoras tamén buscan colaboración co evento, incluíndo entre estas a posibilidade de ser un dos patrocinadores do mesmo. Na páxina web do concurso poden atoparte máis información útil sobre o mesmo, como por exemplo as bases que o rexen ou un apartado de novas onde irán publicado todas as novidades relativas ao mesmo.

Pin It on Pinterest

Share This