Logo de GpulA XIII edición das Xornadas Libres de GPUL comezan xa a quecer motores un ano máis. Así, a semana pasada a organización abría o prazo para a remisión de propostas de participación nestas senlleiras xornadas de fomento da cultura libre en xeral aínda que cun maior énfase no Software e o Hardware Libre.

Para os que aínda non as coñezan, estas xornadas caracterízanse por contar cunha serie de charlas, obradoiros e concursos con contidos do máis heteroxéneo, pero sempre xirando arredor do mundo do software e o hardware libre, os estándares abertos, as licenzas, e a cultura libre en xeral.

Este ano as XIII Xornadas Libres de GPUL celebraranse os días 8, 9 e 10 de outubro na Facultade de Informática da UDC. Pódense enviar propostas ata o día 8 de setembro.
Os interesados en propoñer unha actividade, relatorio, obradoiro, etc deberán facelo dende a plataforma de xestión de xornadas de GPUL, sendo preciso rexistro previo cubrindo correctamente o respectivo formulario web.

Acéptanse propostas en galego, castelán, portugués, inglés e/ou francés.

Segundo indican dende a organización é preciso incluír a seguinte información para que a proposta poida ser convenientemente avaliada:

  • Título: Debe ser breve e dar ao asistente unha idea do que se tratará no transcurso da actividade. Será o título da contribución e aparecerá no cronograma da conferencia.
  • Palabras chave: Resumir os conceptos principais que se tratarán na actividade para que o asistente obxectivo valore en maior profundidade o interese que poida ter na asistencia á mesma.
  • Resumo: Descrición do beneficio derivado da participación nesta actividade. O formato da presentación, charla ou taller. Inclúase calquera información que permita ao revisor comprender o beneficio da súa presentación respecto doutra cunha temática similar. Se o asistente potencial ten interese polo título esta sección debería de axudarlle a decidirse por asistir. Se se van a asumir niveis de coñecementos no asunto tratado, déixese claro nesta sección.
  • Comentarios: Calquera tipo de información referente a preferencias ou ideas que queira facer chegar a GPUL. Entre elas, se quere solicitar que se patrocine a súa viaxe, e a preferencia horaria.
  • Material: É importante xuntar tamén o material que se utilizará na actividade co fin de poder tela en conta na avaliación de propostas.

A participación no Call For Papers autorízalle a GPUL á distribución do material subido para a actividade e mais á gravación (e distribución) da mesma baixo unha licenza libre.

GPUL terá unha valoración das propostas a semana seguinte á data de peche do CFP.

Dende a directiva queren agradecer de antemán as vosas propostas e a difusión do evento. Así mesmo agardan que as xornadas sexan do voso agrado.

Pin It on Pinterest

Share This