Aberto o prazo de inscrición para o LPIC 1 en Tegnix

Mércores, 17 Marzo 2010

Como xa informamos no seu día, Tegnix é un centro de formación asociado LPI ou polas súas siglas LPI ATP. Hoxe nos informan dende Tegnix que xa está aberto o prazo para matricularse no primeiro dos módulos formativos dirixidos á preparación para a Certificación Profesional Junior en GNU/Linux ou LPIC -1 cunha duración de 80 horas.

Logo do LPIC1A convocatoria que acaban de publicar é para o curso de formación en liña. Nesta modalidade ofertan sesións en directo con vídeo, son, chat e compartición de escritorio nas que o alumnado pode intervir a través do sistema de videoconferencia integrado na súa plataforma de teleformación. Ademais, de non poder asistir en directo, o alumnado tamén poderá descargar os vídeos para seguir ás clases de xeito asíncrono.

As clases comezarán na segunda semana de abril e distribuiranse en dúas sesión semanais de dúas horas cada unha ao longo de aproximadamente 5 meses no seguinte horario:

  • Luns e Mércores de 19:00h – 21:00h
  • Martes e Xoves de 19:00h – 21:00h

Antes de iniciar o curso farase unha proba de nivel dirixida á creación de grupos homoxéneos. O número máximo de alumnos por grupo é de quince. Entre os requisitos necesarios para poder seguir adecuadamente o curso indican que cómpre ter unha conexión a internet (mínimo 2 Mbps) para poder seguir o curso e usar GNU/Linux ou instalar unha máquina virtual facilitada por Tegnix.
As clases estarán enfocada á superación dos exames oficiais. Haberá exercicios, tarefas e documentacións entre as distintas sesións, e ademais o alumnado contará con foros titorizados onde expoñer e solucionar as súas dúbidas.

O prezo de curso son 50€ en concepto de matrícula máis 440€ polo curso a aboar en 4 mensualidades. Se se aboa este custe ao comezo do curso, ofrecen un desconto do 10%. Estes prezos NON inclúen o custe dos exames oficiais (101 e 102) necesarios para acadar a certificación LPIC-1.

Outros formatos de cursos

Tegnix anunciará proximamente outras modalidades desta formación:

  • Modalidade Presencial: Dinámica semellante ao curso en liña salvo que se ofertará nas instalacións de Tegnix ou mediante aula móbil.
  • Seminarios intensivos de preparación de exames oficiais. Teñen menor duración e un fin moito máis concreto.

Unha vez rematada esta fase Tegnix iniciará a oferta formativa LPIC-2 ou de “Certificación Profesional Avanzada en GNU/Linux”. Debido a que se trata de formación personalizada e profesional, as convocatorias de cursos e seminarios non serán numerosas ao cabo do ano.

Para obter máis información é recomendable consultar o folleto informativo desta convocatoria na web de Tegnix ou a través do enderezo de correo electrónico info@tegnix.com ou no teléfono 886 122 307

Fonte: Tegnix

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal