Aberto o prazo de inscrición no Concurso Universitario de Software Libre

Venres, 9 Novembro 2012

Se a semana pasada anunciabamos a ampliación do prazo de presentación de candidaturas ao Premio ao mellor PFC con Software Libre organizado pola AMTEGA ata o 18 de Novembro, hoxe facémonos eco doutro concurso a nivel estatal que conta cuns obxectivos moi semellantes.

Concurso Universitario de Software Libre 2012-23Trátase do Concurso Universitario de Software Libre que ten por obxectivo principal fomentar a creación e consolidación dunha comunidade de Software Libre no ámbito da educación superior. O prazo de inscrición neste concurso está aberto ata o vindeiro 23 de novembro.

A principal diferencia co Premio ao mellor PFC con Software Libre, ademais de admitir candidatos doutros ámbitos educativos, é que o desenvolvemento non pode estar xa finalizado, senón que deberá ser desenvolvido dende o momento da aceptación no Concurso ata o mes de abril de 2013. O concurso conta con diferentes premios en metálico e en especie achegados polos diferentes patrocinadores.

A participación no CUSL está aberta a calquera desenvolvemento de software, hardware e documentación técnica libre elaborado por estudantes universitarios de calquera ciclo, estudantes de bacharelato, ou de grao medio e superior de formación profesional en calquera centro homologado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte durante o curso 2012/2013, así como estar en disposición de poder acreditalo. Os menores de idade deberán ademais achegar un certificado co consentimento dos seus pais ou titores legais.
O concurso consta de 4 fases:

  • Fase de inscrición: período durante o que o concurso está aberto á inscrición dos participantes. A inscrición no concurso faise a través do formulario web e deberá facerse antes do 23 de novembro.
  • Fase de desenvolvemento: Período destinado ao desenvolvemento dos proxectos aceptados. Ata o 9 de abril de 2013.
  • Fase de avaliación: Do 2 ao 22 de abril de 2013. O comité de avaliación avaliará todos os proxectos presentados.
  • Fase final: Consistirá nun ciclo de conferencias e obradoiros onde se exporán os proxectos finalistas e procederase á entrega de premios. 10-11 de maio de 2013.

Os requisitos dos proxectos candidatos a desenvolverse durante dito concurso son os seguintes:

  • O proxecto deberá estar integramente desenvolvido nunha implementación libre de calquera linguaxe de programación.
  • A licenza escollida deberá estar comprendida dentro do conxunto de licenzas consideradas de Software Libre polo proxecto GNU. As bibliotecas que se empreguen para o desenvolvemento tamén ter unha licenza deste conxunto de licenzas.
  • O proxecto deberá empregar un sistema de control de versións nunha forxa pública e un blog público no que os desenvolvedores deberán recoller a evolución do proxecto, as dificultades atopadas e as decisións tomadas durante a fase de desenvolvemento.
  • O equipo de desenvolvemento do proxecto poderá estar formado por ata 3 persoas. Unha mesma persoa non pode participar en máis dun proxecto.

O xurado do concurso empregará os seguintes criterios para avaliar os proxectos participantes:

  • Impacto do proxecto na comunidade de Software Libre e a sociedade (30% da puntuación).
  • Calidade do desenvolvemento e uso da forza (30% da puntuación). Valoraranse aspectos como a planificación, un bo deseño e implementación do proxecto, a estratexia no lanzamento de versións, uso das ferramentas da forxa como listas de correo, sistema de control de versións, …
  • Documentación do proxecto (25% da puntuación): Valorarase a realización de documentación de usuario final (instalación e configuración) e de desenvolvemento.
  • Grao de finalización (15% da puntuación): Valorarase o grao de finalización, accesibilidade e usabilidade do proxecto.

Animamos a todos os estudantes de bacharelato, ciclos formativos e estudos universitarios que teñan previsto comezar o desenvolvemento dun proxecto que se inscriban no Concurso Universitario de Software Libre. Todos os participantes, independentemente de que sexan recoñecidos como finalistas ou mesmo gañadores dun dos diferentes premios, terán o verdadeiro premio de interactuar con toda a comunidade de software libre a nivel nacional e poder usar, a partir dese momento, o seu proxecto como carta de presentación.

Os interesados poden consultar as bases completas do concurso na web do mesmo.

Balance do Plan de Acción 2023

1 Decembro 2021 Informe

Plan de Software Libre 2024

1 Decembro 2021 Informe

#IA #PlanDeAccion #EntrevistasComunidade

Tendencias
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal