A IV Xornada de Usuarios de R en Galicia terá lugar na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, o día 19 de outubro de 2017. Estas xornadas están pois principalmente dirixidas a usuarios e entusiastas de R de todos os ámbitos, universidade, institutos de investigación, administracións públicas, empresa privada…

A organización destas xornadas anuncia que xa está aberto o call for papers. Todas as persoas interesadas en presentar unha charla sobre algún tema do seu interese, ou organizar un obradoiro, só precisan enviar un resumo da súa idea a través do formulario de envío de propostas. O prazo de envío de propostas estará aberto ata o 1 de setembro. Unha semana despois o comité seleccionará as propostas e notificará aos participantes a fin de conformar o programa definitivo da xornada.

Para calquera dúbida ou para remitir calquera suxestión pode contactarse tamén coa organización a través do formulario de contacto.

O obxectivo destas xornadas é un ano máis promover o coñecemento do software estatístico R e as súas aplicacións servindo de punto de encontro dos usuarios deste software cada vez máis estendido entre a comunidade científica polas súas completas funcionalidades e polas vantaxes que proporciona respecto doutras solucións estatísticas privativas con custosas licenzas de uso. Ademais preténdese tamén fomentar o traballo colaborativo e multidisciplinar propio do ámbito da investigación e do software libre.

A asistencia ás xornadas é de balde, e de libre acceso previa inscrición.

A IV Xornada de usuarios de R en Galicia volve ser organizada novamente Oficina de Software Libre do CIXUG, no marco do convenio de colaboración asinado entre a Amtega e a Oficina de Software Libre do CIXUG para a realización de actividades de fomento do software libre en Galicia que forman parte do Plan de Acción en Software Libre 2017.

Pin It on Pinterest

Share This