Cada ano, o cuarto sábado de abril, organízase o FLISoL de forma simultánea en varios centos de localidades do mundo.
O FLISoL (Festival Latinoamericano de Instalación de Software Libre) é o evento de difusión de Software Libre máis grande en Latinoamérica (esta será a 15ª edición) e está dirixido a todo tipo de público: estudantes, académicos, empresarios, traballadores, funcionarios públicos, entusiastas e tamén para persoas que non posúan moitos coñecementos informáticos.
En España, teremos a 10ª edición e polo tanto faise un esforzo especial por intentar levalo ao máximo número de localidades.
De momento organízase en Oviedo, Tenerife e A Coruña como podedes ver na web oficial española.
No festival coruñés (FLISoL 2019 A Coruña) organizado pola Asociación Melisa en colaboración con Bricolabs, o museo Domus e co patrocinio de Librebit e AGASOL, ademais da posibilidade de probar e instalar software libre nos equipos informáticos que leve a xente, poderase asistir (sempre que se faga a inscrición previa) a algunha destas charlas ou obradoiros gratuitos:
- LaTeX: Unha ferramenta para a difusión do coñecemento científico
- Ferramentas para manter a túa privacidade en internet
- Produción musical con software libre
- Lin e acepto os termos da licenza
- Contido audiovisual na Wikipedia
- PicarOS unha distro lúdico educativa para pequerrechos
- Editando libros con Markdown
- O que a evidencia esconde
- Quen teme a Bash?
- Programación de xogos retro con ferramentas libres
Tedes información máis detallada sobre cada charla e obradoiro na web do evento coruñés.
A inscrición xa foi aberta, así que se estades interesados mirade de apuntarvos rápido porque soamente hai 15 prazas por cada charla/obradoiro.
