A Xunta impulsará o software libre en Galicia potenciando a súa implantación en pemes e universidades

Xoves, 30 Xullo 2009

A secretaria de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, presidiu hoxe unha xuntanza coas tres universidades, o CESGA e as empresas do sector para avaliar o progreso do software libre na nosa comunidade e estabelecer novas liñas de actuación a prol do desenvolvemento deste.

A secretaria manifestou, no encontro que tivo lugar na sede do CESGA, que o Goberno galego impulsará a implantación do software libre en toda a nosa comunidade, especialmente, en áreas como as pemes ou a través de liñas de colaboración coa Universidade ou centros de investigación, para potenciar a súa aplicación aos sectores produtivos e estratéxicos de Galicia.

“O que demanda a sociedade, o empresariado e o empregado público son solucións que lle fagan a vida e o traballo máis doado e, no caso das empresas, que incrementen a súa competitividade”, observou Pereira. “O software libre ten un interesante potencial para crear modelos de negocio, de contratación de servizos tecnolóxicos, o que dinamiza o sector TIC local”, apuntou. A secretaria avogou por manter un contacto directo e continuo con todos os axentes: empresariado, institucións e as comunidades de desenvolvemento de software libre “clave”, dixo, para orientar axeitadamente as políticas tecnolóxicas e facelo partícipe das mesmas.
Consciente de que “a sociedade quere solucións e servizos tecnolóxicos que dean resposta ás súas necesidades, seguros, áxiles, eficaces a prezos axeitados”, Mar Pereira indicou que a Secretaría está a poñer en marcha iniciativas que dean resposta a esta demanda social. “A tecnoloxía que empreguemos vén despois, e será a máis axeitada para garantir o éxito dos proxectos”, engadiu.

O esencial é a convivencia, non a imposición

A secretaria amosouse convencida de que “en moitos casos” as solucións basearanse en software libre, por ser a mellor resposta a determinadas necesidades; e que, noutros casos, serán solucións de mercado baseadas no software propietario. “O esencial é a convivencia”, aseverou, para agregar que o uso de estándares abertos é o que garante a interconexión entre diferentes solucións tecnolóxicas para dar resposta á demanda cidadá.

Pereira puxo en valor o potencial do software libre que, dixo, permite a existencia de software en lingua galega, elemento importante no eido cultural que ofrece a posibilidade de que os usuarios escollan o idioma co que desexan manexar os seus equipos. Non obstante, recoñeceu que “o software debe estenderse por convencemento e non por imposición”.

Segundo indicou, o 85 por cento das empresas do mundo utilizan algún tipo de software de fontes abertas, pero demandan un contexto de convivencia con outras solucións en software propietario.

Pereira sinalou que, desde a posta en marcha da iniciativa galega polo software libre, son moitas as iniciativas levadas a cabo por parte da Xunta e das diferentes institucións e comunidades de usuarios coas que colabora estreitamente. Por exemplo, o desenvolvemento e implantación de solucións baseadas en software libre (repositorio galego), o fomento da tradución do software ao galego, a formación e soporte aos usuarios e a difusión e colaboración con entidades e institucións nacionais e internacionais.

Na súa intervención, a secretaria destacou, ademais, que na actualidade existen 73 novas empresas con servizo de software libre rexistradas, e subliñou o incremento do tecido asociativo deste tipo de software en Galicia, a través de empresas e voluntariado.

Non obstante, Mar Pereira remarcou a importancia de dinamizar outros aspectos aos que, dixo, é necesario prestar “unha especial atención”. Así, proseguiu, considerou necesario impulsar unha oferta de solucións libres de calidade, para dar resposta a determinados sectores estratéxicos. Tamén, fomentar a implantación efectiva dos estándares abertos e fortalecer os mecanismos de formación e difusión deste software e as súas vantaxes competitivas.

Afondar no desenvolvemento e na investigación do software libre

Por todo isto, a secretaria de Modernización e Innovación tecnolóxica avogou por afondar no desenvolvemento e investigación do software libre, reforzando a colaboración coas universidades e achegándoo á peme galega. Isto faríase, expuxo, coa creación dun Centro Demostrador de produtos de software libre que permita dar a coñecer os casos de éxito en sectores concretos.

A Secretaría contempla, tamén, a creación dun Servizo Integral á peme, traballando coas empresas para coñecer as súas impresións no uso deste modelos de software e aportando solucións. Todo, apiado nun Estudo comparativo sobre software libre de xestión empresarial para a mellora competitiva da industria galega, que identifique ámbitos de actuación. Modernización fai, tamén fincapé, na necesidade de fomentar o Repositorio de software Libre en Galicia como ferramenta estratéxica para o seu desenvolvemento, e o impulso á implantación efectiva dos estándares abertos.

Deste xeito, segundo explicou Mar Pereira, a Xunta porá en marcha o procedemento para licenciar como software de fontes abertas o software desenvolvido con fondos públicos e que sexa propiedade da Administración autonómica, de xeito que estea a disposición daqueles organismos e administracións que amosen interese nel. Así mesmo, empregará documentos baseados en estándares abertos como a política de Goberno nas súas comunicacións coa cidadanía.

Formación e divulgación

Nesta área, consonte relatou Pereira, a Xunta establecerá un plan de acción a medio e longo prazo coas institucións interesadas no desenvolvemento do software libre: universidades, grupos e comunidades de usuarios, centros tecnolóxicos, CESGA, etc. E, tamén, colaborará con outros organismos para coordinar accións formativas na sociedade e nas empresas.

A Rede de telecentros servirá para achegar o software libre aos cidadáns e, no que respecta ás empresas, realizarase a través de programas formativos orientados a institucións, clústers, plataformas ou asociacións, etc; e orientado ao sector TIC, o que se fornecerá a través dun plan efectivo de excelencia empresarial.

Tamén se actuará no ámbito educativo, colaborando coa Consellería Educación e Ordenación Universitaria para a formación de profesorados de primaria e secundaria, para elaborar contidos dixitais orientados ao tele ensino e para fomentar iniciativas de tradución ao galego das ferramentas de software libre e promover o mantemento destas traducións nas sucesivas versións dos produtos, contando co apoio de Política Lingüística.

Fonte: Xunta de Galicia

Balance do Plan de Acción 2023

1 Decembro 2021 Informe

Plan de Software Libre 2024

1 Decembro 2021 Informe

#IA #PlanDeAccion #EntrevistasComunidade

Tendencias
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal