• Os días 29 e 30 de outubro, a Cidade da Cultura acollerá a quinta edición da LibreCon
  • Coñeceremos de primeira man algúns casos de éxito sobre o automóbil conectado e o “Internet das Cousas”, máis relevantes do panorama internacional
  • Por primeira vez, a LibreCon contará cun espazo adicado aos máis pequenos da familia, coa sección LibreKids
  • A asistencia é totalmente gratuíta previo rexistro: Registro LibreCon

Banner da LibreCon 2015Como xa adiantabamos o mes pasado, AGASOL, ASOLIF e o Cluster TIC Galicia están a organizar a quinta edición de LibreCon, a conferencia de negocio e tecnoloxías abertas, con presencia de importantes poñentes do panorama internacional.

Durante dous días, a Cidade da Cultura acollerá a responsables do mundo da empresa, a administración e a educación para coñecer as tendencias e casos de éxito baseados en tecnoloxías abertas que están facendo máis competitivas e innovadoras a empresas e administracións públicas.

Esta mesma semana deuse a coñecer a axenda completa da LibreCon onde se confirma a participación, ademais de Roberto Zompi, de GENIVI e Magnetti Marelli (grupo Chrysler-Fiat), e Victor Tuson Palau, vicepresidente de Canonical, doutros expertos de talla internacional como Dominig Ar Foll de Intel Open Source, Tin Hang Liu de Open Source Vehicle e Jim Groom creador de EDUPUNK que ofrecerán sesións maxistrais sobre o Internet das Cousas, automóbil conectado e educación.

Co obxectivo de compartir coñecemento, unha trintena de charlas e obradoiros conforman unha axenda cargada de sesións adicadas a dar a coñecer novas inciativas que amosen como as tencnoloxías libres axudan á xeración de negocio en todos os sectores de actividade. Teremos iniciativas galegas como Igalia, Staticboards, CESGA, AGASOL, que moito teñen que dicir e aportar a un sistema socioeconómico en constante cambio; iniciativas estatais como ASPGems, Irontec, IBM, SuSE ou Teléfonica e de organizacións como a Junta de Andalucía ou a Universidade de Granada, entre outros. A zona expositiva, premios e actividades sociais, completan dúas xornadas repletas de tecnoloxía. 

Escaparate de tecnoloxía e networking

LibreCon mantén o obxectivo fundamental de creación de negocio y emprego en todos os sectores da sociedade a través das tecnoloxías libres, a innovación e o emprendemento esperando superar as 500 reunións de negocio da pasada edición.

Xavier Castaño, presidente de AGASOL indica que “Queremos potenciar o networking e a compartición de coñecemento en torno a solucións baseadas en tecnoloxías abertas que aumentan a competitividade e eficiencia das organizacións. Temos unha axenda moi interesante con temáticas en auxe como o Internet das Cousas, os automóbiles conectados ou novas tendencias educativas que ademais toca temas de tecnoloxías asociadas como poden ser a nube e o big data”.

O presidente de ASOLIF, David Olmos, pola súa parte lembra que “LibreCon é un escaparate no que ano tras ano se amosan os beneficios reais dun sector que constitúe unha alternativa real a empresas e administracións públicas de todo o mundo grazas á súa maior competitividade, aos grandes aforros achegados, así como ao desenvolvemento das economías locais”

Un evento en familia, LibreKids

Co obxectivo de achegar a tecnoloxía aos máis pequenos, así como facilitar a asistencia a aquelas persoas que teñan interese por participar nas xornadas do venres á tarde, LibreCon 2015 ofrece o novidoso espazo LibreKids.

Haberá dous obradoiros dispoñibles para desfrutar da tecnoloxía nas actividades en familia. O obradoiro “Enredando con Mimadriña: origami e leds”, unha proposta educativa e social que emprega como ferramenta base o origami a partir de 5 años; e o obradoiro “Enredando con escornabots: robótica e impresión 3D abertas” que achegará a robótica e a programación a nenos e nenas a partir dos 6 anos.

Estas actividades son tamén gratuítas previo rexistro a través do sitio web da conferencia.

Patrocinadores

Finalmente destacar a importancia dos patrocinadores, sen os cales este evento non sería o mesmo. Luis Alberto Fernández, xerente de AGASOL explica que “A presenza dos patrocinadores é fundamental para nós porque as súas contribucións nos permiten levar a cabo toda a organización e contar con poñentes internacionais”.

Ademais das empresas participantes nas conferencias, LibreCon conta co apoio institucional da Xunta de Galicia, Axencia Galega de Innovación (GAIN), o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA) e NOVA Xestión Cultural. Os patrocinios Platinum de Microsoft, e Gold de SuSE, Concello de Santiago e o operador galego R, permiten que o evento sexa gratuíto para todos os asistentes.

A asistencia á LibreCon é totalmente gratuíta pero é preciso realizar o rexistro previo no portal web da conferencia, para control do aforo.

Pin It on Pinterest

Share This