Logo da USC A Universidade de Santiago semella estar apostando por dúas cousas á hora de encargar proxectos tecnolóxicos para si mesma: polos mozos empresarios galegos e máis polo Software Libre…

Iso é, polo menos, o que se desprende da recente adxudicación á firma de enxeñería informática Igalia do desenvolvemento das vindeiras fases do proxecto e-Sicus, ferramenta de xestión de orzamentos da USC. O traballo de Igalia (empresa galega especializada en software libre) está a consistir nunha posta a punto, pero tamén nunha modernización máis ca necesaria dos instrumentos de xestión económica e administrativa da entidade educativa. A iniciativa, que leva consigo un investimento de 120.000 euros, representa en gran medida a gran aposta da USC polas solucións informáticas de código aberto. Segundo Igalia, poderíase dicir que estamos ante o “primeiro proxecto de carácter administrativo desenvolvido con tecnoloxías de software libre no eido universitario”. O traballo da empresa galega nas vindeiras fases do e-Sicus servirá para substituír as ferramentas empregadas ata o de agora na USC, que foron implantadas hai case unha década e que se baseaban no programa Access.

Vantaxes
Igalia fai fincapé nos seguintes puntos, en referencia ó e-Sicus:
· Fará máis doado o acceso dos usuarios, xa que é unha aplicación web, e se pode empregar a través do navegador.
· Amplía funcionalidades como a xestión de multipartidas, a conta de anticipos ou a folla de petición electrónica.
· Reduce custos de mantemento.

Fonte: www.codigocero.com  

Pin It on Pinterest

Share This