O Supervisor Europeo de Protección de Datos (SEPD) anunciou onte o lanzamento —en fase piloto- de dúas plataformas públicas de redes sociais, que permitirán aos organismos e institucións da Unión Europea difundir os seus contidos sen depender de grandes provedores privados como Twitter ou Youtube.

Ningunha das plataformas están pensadas para admitir o rexistro de usuarios particulares.

As dúas plataformas forman parte de redes sociais descentralizadas, gratuítas e de software libre que conectan aos usuarios nunha contorna orientada á privacidade. Co lanzamento da fase piloto de EU Voice e EU Vídeo, o SEPD pretende contribuír á estratexia da Unión Europea en materia de datos e soberanía dixital para fomentar a independencia de Europa no mundo dixital.

EU Voice: plataforma de microblogging. Executa unha instancia do software Mastodon.

EU Vídeo: plataforma multimedia para a compartición de vídeos e podcasts. Executa unha instancia do software PeerTube.

Wojciech Wiewiórowski, SEPD, dixo:
“Co lanzamento piloto de EU Voice e EU Vídeo, pretendemos ofrecer plataformas alternativas de medios sociais que dean prioridade ás persoas e aos seus dereitos á privacidade e á protección de datos. En concreto, isto significa, por exemplo, que EU Voice e EU Vídeo non se basean en transferencias de datos persoais a países fóra da Unión Europea e do Espazo Económico Europeo; non hai publicidade nas plataformas; e non se elaboran perfís das persoas que poden utilizar as plataformas. Estas medidas, entre outras, dan aos individuos a posibilidade de elixir e controlar como se utilizan os seus datos persoais”.

Máis información

Pin It on Pinterest

Share This