A Oficina de Software Libre do Sistema Universitario Galego, dependente do CIXUG, vén de poñer a punto un novo servidor de réplicas ftp, herdeiro do mesmo servizo ofrecido en anos anteriores dende a Universidade de A Coruña.

Captura do servizo de réplica da OSL do CIXUG

Un servidor de réplica ofrece copias sincronizadas dos proxectos orixinais, o que contribúe a reducir a carga dos servidores orixinais ao distribuír as descargas entre todos os servidores de réplica, segundo a proximidade de cada orixe de descargas. Isto é, calquera usuario que tente descargar dende Galicia un destes proxectos terá a oportunidade de facelo dende un servidor albergado na udc, coa vantaxe da proximidade e a capacidade do servizo.

O mantemento e evolución do servidor de réplicas, que se viña mantendo dende a UDC ata o pasado ano, é un dos proxectos que a OSL do CIXUG asumiu desenvolver durante este ano co obxectivo de fornecer á comunidade universitaria, e por extensión a toda a comunidade galega, un servizo de réplica actualizado e de referencia dos principais proxectos de software libre.
A selección dos proxectos sobre os que ofrecer este servizo vén determinada, en primeiro lugar, pola dispoñibilidade dos mesmos no anterior servidor así como pola importancia e relevancia do proxecto para a comunidade universitaria.

Así a día de hoxe están recollidos, entre outros, a distribución Ubuntu, por ser a distribución de base para a adaptación ás necesidades das universidades, seguindo a estela da Ubuntu-USC, as distribucións CentOS, OpenBSD, debian, ou fedora por razóns históricas e de demanda de descargas entre a comunidade universitaria, o servidor apache, o escritorio xfce ou o proxecto R polo seu uso estendido na universidade.

Estes son os proxectos que están actualmente recollidos, que poderán ser ampliados con outros proxectos que teñan unha forte demanda dende a universidade que non poida ser cuberta con outros servidores de réplica próximos.

Esta actividade é unha das realizadas pola OSL do CIXUG ao abeiro do Convenio de Colaboración asinado coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2012 da Xunta de Galicia a través da AMTEGA.

Pin It on Pinterest

Share This