A Libre Software World Conference 2014 xa quenta motores

Venres, 1 Agosto 2014

Bilbao recolla a testemuña de Santiago de Compostela como sede da Libre Software World Conference. Así, os días 11 e 12 de novembro celebrarase a IV edición desta conferencia, que vén con novos aires, empezando polo nome, LibreCon 2014, Bussiness and Open Technologies Conference.

Banner da LibreCon 2014

A LibreCon2014 chega esta vez da man de Asolif e ESLE, asociacións de empresas de Software Libre estatal e de Euskadi respectivamente, que recolle a testemuña das 3 edicións anteriores da Libre Software World Conference ou LSWC, a última das cales celebrouse con gran éxito no ano 2012 aquí en Galicia, organizada por AGASOL.
A segunda novidade é o ambicioso obxectivo que se marcou este ano a organización. Acadar o mellor evento de Europa sobre Casos de Éxito con Tecnoloxías Libres.

Trátase de conseguir “a libre” máis práctica que nunca se teña visto. A maior concentración de casos de éxito vista ata agora. Que dende as administracións públicas ata as micropemes, pasando por organizacións de todos os tamaños se sintan identificadas con algún dos poñentes que estean presentando os seu caso de éxito. O obxectivo final é que este evento contribúa a dinamizar o sector das tecnoloxías libres en continuo crecemento, a través da xeración de negocio en todos os sectores.

Envío de propostas

Como sabedes, esta conferencia é un espazo no que o Software Libre convértese por dous días no protagonista amosando como contribúe ao éxito nos proxectos e nos negocios. Empresas, administracións públicas e cidadanía reúnense nesta conferencia en torno a relatorios, obradoiros, demos e outras actividades paralelas todas elas baixo o denominador común das tecnoloxías libres.

Ata o día 15 de setembro é posible remitir remitir propostas para participar na conferencia, que serán posteriormente avaliadas pola organización para conformar o programa do evento, que estará estruturado en dúas grandes áreas: conferencias e obradoiros e demos técnicas.

  • Conferencias: A organización buscar poñentes que expoñan o seu caso de éxito no uso das tecnoloxías libres, é dicir, que de forma práctica amosen como o software libre lles axudou a ser máis competitivos no seu negocio. Ademais, dende a organización gustaríalles contar tamén cos clientes das empresas TIC para que conten tamén a súa experiencia.
  • Obradoiros e demos técnicas terán o seu espazo dentro do evento como forma de xerar coñecemento. Permitir que os asistentes poidan coñecer de xeito práctico as últimas novidades do sector. Así a organización anima ás empresas a que se acheguen a este encontro a presentar as súas solucións tecnolóxicas mediante ponencias técnicas, demos de produtos, ou demos comerciais aplicadas así como a través de sesións formativas breves, obradoiros de instalación, de experimentación ou de proba de tecnoloxías

A organización achega unha serie de consellos prácticos á hora de remitir as propostas para facilitar a selección das mesmas.

  • Tentar que a introdución sexa o máis sintética posible.
  • Adaptar o discurso aos obxectivos do evento é ás liñas estratéxicas do mesmo: Educación, Comercio, Saúde e Industria.
  • Xuntar se é posible xa unha presentación.
  • Valorarase positivamente os poñentes que veñan acompañados polos seus clientes a dar a ponencia.
  • Valorarase positivamente os casos de éxito con moito impacto pola xeración de vantaxe competitiva para o cliente, xeración de aforros importantes…
  • Á hora de valorar os obradoiros e demos, terase en conta que se trate de tecnoloxías e solucións de vangarda e sobre todo que estean enfocadas á práctica.

Espazo para expositores

A LibreCon2014 terá tamén un espazo de exposición concebido como espazo innovador e aberto, un espazo incomparable para a xeración de coñecemento e oportunidades de negocio. 2.200 m2 acollerán os expositores de empresas que poderán amosar os seus produtos e servizos.

A organización publicou un completo dossier coa información para os expositores. Para solicitar espazo nesta zona é necesario cubrir o formulario de ampliación de información e a organización contactará coa empresa solicitante na maior brevidade posible.

Balance do Plan de Acción 2023

1 Decembro 2021 Informe

Plan de Software Libre 2024

1 Decembro 2021 Informe

#IA #PlanDeAccion #EntrevistasComunidade

Tendencias
Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal