Mancomún

A GUADEC de 2018 ten lugar en Almería do 6 ao 11 de xullo

Martes, 26 Xuño 2018

A conferencia europea anual do proxecto GNOME, que se celebrou na Coruña en 2012 , terá lugar do 6 ao 11 de xullo en Almería.

A GUADEC (GNOME User and Developer European Conference en inglés) é un dos eventos máis importantes do software libre, pois o proxecto GNOME é un dos proxectos e comunidades máis grandes.

A conferencia anual europea da comunidade GNOME celébrase dende o ano 2000 e neste evento teñen lugar diversas actividades, como poden ser as conferencias ou charlas, tanto técnicas sobre o desenvolvemento coma de nivel estratéxico sobre o proxecto; as reunións de diversos equipos de traballo dentro do proxecto; sesións de “hacking”; ou pequenas charlas onde novos desenvolvedores nos contan o seus primeiros pasos no proxecto. A maiores de todas estas actividades máis formais, tamén se realizan outras máis que son de lecer, como pode ser a festa de benvida, festa na praia, sesións deportivas ou actividades turísticas; estas actividades tamén se levan a cabo para poder coñecer e establecer lazos coas persoas que levas todo o ano traballando a través da computadora e internet.

Para que a GUADEC se poida levar a diante conta con un equipo de voluntarios, que xuntando ese esforzo de traballo co esforzo económico dos sponsors, dentro dos que cales está a empresa galega Igalia, e da propia fundación GNOME fan posible unha nova edición deste encontro de entusiastas do software libre en xeral e de GNOME en particular.

Para acudir ao evento é importante realizar o rexistro na páxina web, para ver máis detalles sobre o evento como poden ser o horario completo detallado das actividades, información útil sobre como chegar ou aloxamentos recomendados podedes visitar a páxina do evento.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal