Dende o ano 2000 organízase na primeira fin de semana de febreiro en Bruxelas a maior convención de desenvolvedores de software libre de Europa. Esta é unha convención anual que serve para poñer en contacto aos desenvolvedores de software libre na que hai máis de 600 actividades.

A FOSDEM, que ven do inglés Free and Open Source Software Developers European Meeting, está organizada pola comunidade do software libre, conta con voluntarios que fan posible que máis de 8000 persoas enchan e desfruten deste evento no campus de Solbosch da ULB (Université libre de Bruxelles) na primeira fin de semana de febreiro.

O evento oficial comeza o sábado, aínda que todos os anos hai unha festa de benvida o venres á noite no Delirium Café onde hai tempo para establecer contactos e coñecer xente nova ou coa que te relacionas habitualmente de forma remota.
Durante toda a fin de semana hai máis de 20 eventos simultáneos, salvo a charla inaugural e de clausura, existen diversos tipos de conferencias, pero practicamente todas son técnicas, sobre proxectos ou tecnoloxías libres, tamén hai charlas sobre a comunidade ou a legalidade arredor do software e hardware libre.
Todos os anos existen unhas conferencias principais, que van variando a temática e despois existen o que se lle chaman as developers room, nas que teñen lugar charlas, sesións de traballo, obradoiros…

A maiores das conferencias, todos os anos hai convocatorias de exames de certificados de tecnoloxías libres e tamén existen eventos non oficiais que as comunidades dos proxectos aproveitan para organizar en Bruxelas, así como un evento de sinatura de claves criptográficas.
Durante toda a fin de semana existe tamén un recuncho para facer recrutamento pasivo de emprego relacionado co software libre, expositores onde os diversos proxectos de software libre expoñen as súas últimas novidades, merchadising e recolecta de doazóns e tamén acude un posto da editorial O’Reilly con unha morea de libros sobre tecnoloxías libres.

Destacamos  tamén que a convención FOSDEM é gratuíta, de acceso libre e sen inscrición de ningún tipo.
Podes ver toda a súa programación na súa páxina, e en caso de estar interesada en algunha conferencia é probable que a poidas seguir en directo por streaming, ou senón, pasado un tempo poderás velo a través da páxina das gravacións.

Pin It on Pinterest

Share This