O pasado día 25 de abril, a Sociedade Galega de Ornitoloxía  presentou o Noticiario Ornitoxeográfico Galego, un Sistema de Información Xeográfica (SIX) para o avistamento de aves, desenvolvido pola empresa galega Sixtema. A principal novidade que achega esta ferramenta é a aplicación dos SIX ao campo da ornitoloxía co valor engadido de facelo empregando software libre adaptado por unha empresa galega.

Noticiario ornitolóxico

No acto de presentación, o Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, destacou o interese xeral deste tipo de ferramentas, que permiten achegarse a un elevado número de usuarios, e serven para difundir a riqueza ambiental e de biodiversidade coa que conta a comunidade galega.

O noticiario ornitoxeográfico é unha ferramenta que recolle as citas de avistamentos enviadas polos usuarios, as procesa de xeito automático e as incorpora ao SIX. Grazas a isto é posíbel visualizar a frecuencia de avistamentos por zonas xeográficas, por familias, por especies … Ademais, inclúe tamén ferramentas estatísticas, gráficas e informes, útiles para a elaboración de traballos de investigación sobre a presenza das diferentes especies de aves na comunidade galega, o que posiciona á Sociedade Galega de Ornitoloxía á vangarda nacional no uso das tecnoloxías.

O noticiario está baseado no Catálogo SIX de Sixtema, produto baseado en software libre e gañador do premio EGANET 2008 nesa categoría. Segundo indicou Alejandro Lamas, director técnico de Sixtema, o emprego de software libre “serviu para centrar os recursos en desenvolver novas funcionalidades, e non no pago de licencias de software”, unha mostra máis das vantaxes do emprego de ferramentas libres para o desenvolvemento da industria TIC galega.

Fonte: EGANET

Pin It on Pinterest

Share This