A Comunidade O Zulo organiza a VI Xornada de Software Libre no Concello de Mugardos

Luns, 15 Xuño 2009

Xornadas Software LibreA Comunidade O Zulo da comarca de ferrolterra, en colaboración co Concello de Mugardos, celebra o vindeiro 27 de xuño a Sexta Edición das Xornadas de Software Libre Concello de Mugardos. Como en anos anteriores, o encontro ofrecerá un amplo programa no que terán cabida, ao longo de todo o día, charlas introdutorias ao software libre, así como obradoiros de carácter técnico.

Segundo isto, falarase de distintos sistemas operativos libres en galego, como Galinux -desenvolvido por Mancomún- ou Trisquel GNU/Linux, abordarase a cuestión das licenzas ou de temas máis prácticos como a virtualización de aplicativos, a seguridade no correo electrónico ou servidores caseiros con GNU/Linux.

A xornada dará comezo ás 10 horas no Salón de Plenos do Concello de Mugardos e prolongarase ata preto das 21 horas. Poderá acceder, de xeito libre e gratuíto, calquera persoa interesada.
O programa completo do encontro, cos seus respectivos relatores, será o seguinte:

Xornada de mañá

10:00 a 11:00 h "Instalación Ubuntu – Galinux", Óscar Amor.
11:00 a 12:00 h "Servidores Caseiros con GNU/Linux", Alberto Permuy (Comunidade O Zulo).
12:00 a 12:30 h Descanso
12:30 a 13:15 h "Virtualización: QEMU", Vieiro.
13:15 a 14:00 h "Distribución Trisquel GNU/Linux".

Xornada de tarde

17:00 a 17:45 h "A situación do Software Libre nas Empresas de Galiza", Roberto Vieito (Asociación SwLibre Ghandalf).
18:00 a 18:45 h "Licenzas libres e abertas", Roberto Brenlla (Tegnix, SL).
19:00 a 19:45 h "O Dominio .gal", Camilo Regueiro (eu.gal).
20:00 a 20:45 h "Seguridade no Correo Electrónico", Andrés Díaz.

CiberEncontro Kernel 2009

A Comunidade O Zulo de Mugardos, fundada por Alberto Permuy, Pablo Robatto e Evaristo Deux no ano 2003, é tamén a promotora do popular CiberEncontro Kernel. Este maratón informático, que tamén celebrará este ano a súa sexta edición, está a ser xa organizado polos integrantes da Asociación, que anuncian a cita para o vindeiro mes de setembro.

Segundo a organización do encontro, toda a información sobre este estará dispoñíbel na web a partir de mediados do verán. No entanto, xa se adianta que CiberEncontro manterá a súa programación de tres días, incluirá xogos, concursos, charlas, e a xa tradicional “ciber-laconada”.

Fonte: Comunidade O Zulo

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal