Cartel da maker faireEste sábado 17 de outubro terá lugar a Compostela Mini Maker Faire, a primeira feira Maker Faire da historia de Galicia. Celebrarase en Área Central de 10 am a 9 pm.

Trátase dunha feira de inventores e creadores, dun escaparate da creatividade e do enxeño e un lugar para compartir coñecemento e divertirse ao tempo. Este movemento baséase na cultura do “Do It Yourself” e na aplicación dos principios do software libre á fabricación, como o intercambio de coñecementos e información que se xera nestas comunidades de profesionais.

Arduino, Impresoras 3D, Open Structures, Open Source Ecology… son só unha mostra das ferramentas que se usan.

Esta feira chéganos da man dun equipo de profesionais cunha paixón común, o movemento maker e a compartición do coñecemento como motor de crecemento. Temos así a Chus Prol, xestora do espazo colaborativo Doutroxeito Coworking, ao proxecto O gato cósmico e a Enrique e Marcos Saavedra promotores do proxecto VermisLab, un proxecto que ten como base o movemento maker e que pretende compartir coñecemento e divulgar as metodoloxías educativas máis innovadoras. Por suposto completan o equipo outros moitos colaboradores e os makers participantes.

O programa deste sábado está repleto de obradoiros dos máis variados temas, orientados a rapaces a partir dos 6 anos, dos 10 anos ou para todos os públicos. Por exemplo temos robótica en familia co proxecto Escornabot, ecodeseño, plastelina condutiva, papiroflexia, etc Haberá tamén mesas debate sobre o movemento maker en distintos eidos, como gastromakers, educación, espazos maker ou artesanía. Haberá tamén por toda a feira demostracións de ciencia, robótica, drons mecánica, arte urbán, artesanía, música e moito máis. Haberá ademais un sorteo dunha impresora 3D ao rematar a xornada por xentileza de MakerGal. Sen dúbida unha boa ocasión para pasar un entretido día en familia aprendendo e coñecendo o mundo maker.

Programa de actividades

Para poder asistir aos obradoiros da mañá só tendes que enviar un mail a makersgalicia @ gmail.com co asunto “obradoiros” e indicando o voso nome e número de tlf. Para os da tarde podedes inscribirvos no punto de información durante toda a xornada. Dádevos presa que as prazas son limitadas.

Pin It on Pinterest

Share This