O responsable da área de Tecnoloxías da Información do goberno municipal, François Croteau, anunciou nunha rolda de prensa a mediados de mes a nova política na adxudicación de software. Esta política promete priorizar ao software libre fronte ao privativo e contémplanse determinados aspectos como son a de facer promoción para o uso de software e hardware libre, estimulación da innovación e a competencia permitindo participar desta tanto a provedores locais coma á propia administración colaborando así no desenvolvemento de solucións de software e hardware libre e contribuír ao ben común.
Na rolda de prensa tamén comentou que non se pode tirar proveito do software libre sen participar e sen colaborar co seu desenvolvemento, polo que se prevé que exista unha colaboración tanto liberando o software que desenvolvan coma achegas aos proxectos libres que empreguen.
François tamén expuxo algúns argumentos a favor do software libre fronte ao privativo como son a independencia, comentando que en moitos casos as institucións públicas tanto de Montreal, Quebec ou Canadá adoptaban solucións privativas que os ataban a uns custos enormes de mantemento.
A política de uso de software e hardware libre, pode consultarse na páxina de GitHub de Montreal.
