A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia presenta o plan de software libre para o ano 2022

Luns, 27 Xuño 2022

A AMTEGA RECOLLE NO SEU PLAN ANUAL DE SOFTWARE LIBRE AS PRINCIPAIS ACCIÓNS DE DIFUSIÓN QUE SE LEVARÁN A CABO DURANTE O ANO 2022

A Amtega vén de publicar o plan de software libre 2022 con actuacións nos eidos de empresa, cidadanía e administración. Mantén a súa aposta polo uso e reutilización de software libre co compromiso de liberación de aplicacións no Repositorio de Software Libre. Xunto co Plan publícase tamén o balance das actuacións levadas a cabo durante o ano 2021.A través dos diferentes convenios de colaboración para a difusión e fomento do uso de software libre, a Amtega traballará man a man cos distintos axentes do tecido galego de software libre para acadar este obxectivo.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar o Plan de Acción en Software Libre 2022, que recolle diferentes actuacións co obxectivo de fomentar e promover o uso e reutilización de software libre na administración pública, o impulso dunha oferta de solucións libres e de calidade para as nosas empresas, e incrementar o uso e coñecemento do software libre por parte da sociedade.

Como xa vén sendo habitual, unha parte moi importante destas actuacións desenvolveranse en colaboración dos principais axentes do ecosistema de software libre galego. Así asináronse convenios coa Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL); coas Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre (AGUSL); e co Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG), integrado polas tres universidades galegas. Así mesmo, o acordo de colaboración co colexio profesional de Enxeñaría Técnica Informática (CPETIG) inclúe tamén algunha actuación en prol do fomento do Software Libre.

Os acordos asinados permitirán a realización de diferentes tipos de actividades que inclúen dende a tradución de Software Libre, a organización de xornadas, cursos, obradoiros, o fomento do software libre en proxectos de cooperación ou solidariedade social, a introdución á robótica educativa con software e hardware libre ou a formación en Software Libre nas Universidades.

Software Libre na Administración

No ámbito da administración a Amtega continuará promovendo o emprego de tecnoloxías libres en proxectos de calado para a Administración reforzando a súa posición como referencia e exemplo de políticas de eficiencia e bo uso de tecnoloxías libres grazas á implantación de solucións de software libre na súa infraestrutura tecnolóxica coa consecución da racionalización do gasto público e mellora de produtividade. Así mesmo mantén o seu compromiso de liberación de novas solucións tic desenvolvidas pola administración pública galega a fin de facilitar a súa reutilización por outras administracións.

Software Libre na empresa

No ámbito empresarial, as actuacións irán dirixidas a promover o uso de solucións libres de calidade que permitan ás nosas empresas mellorar en eficacia e competitividade. A través do GAIASTECH como nodo central, seguiránse achegando solucións de software libre ás empresas, así como novas tecnoloxías emerxentes, nas que o software libre xoga un papel moi importante. O servizo GAIASTECH Cloud, que permite ás empresas galegas acceder de balde a instalacións de proba de diferentes ferramentas de software libre para avaliar se cubren as súas necesidades, incrementará a súa oferta de solucións.

Software Libre para a cidadanía

Finalmente entre as actuacións dirixidas á cidadanía en xeral, destacar que se seguirán potenciando as tecnoloxías libres dentro dos programas de alfabetización e capacitación dixitais da rede CeMIT así como no resto de iniciativas recollidas no Plan de Inclusión Dixital de Galicia.

Un ano máis a Amtega colaborará co CIXUG no Premio ao mellor traballo universitario de fin de grado con Software Libre e que tamén conta coa participación da Asociación GPUL. Por suposto é neste eido onde se desenvolverán a maior parte das actuacións que se executarán ao abeiro dos convenios de colaboración asinados cos axentes do ecosistema de software libre de Galicia.

Balance do Plan de Software Libre 2021

Xunto co plan 2022 publícase tamén o balance das actuacións de fomento do software libre desenvolvidas pola Amtega e en colaboración cos distintos axentes durante o ano 2021.

O pasado ano leváronse a cabo ata un total de 79 actividades que supuxeron case 25.000 horas de formación en software libre alcanzando ata un total de 17.200 persoas. Coa posta en marca durante este pasado ano do GAISTECH, algo máis de 150 empresas participaron nas diferentes actividades desenvolvidas sobre solucións de software libre. O portal Mancomún seguiu a ser o punto de referencia sobre o software libre en Galicia, publicando máis de 400 novas ao longo do ano, artigos técnicos especializados, pílulas en formato vídeo, ou os diferentes programas do podcast de Mancomún, entre os que compre destacar os denominados Faladoiros de Mancomún, unha serie especial de programas que tratan de poñer en valor o papel da muller no eido tecnolóxico.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal