A Asociación GHANDALF impartiu o pasado martes día 4 dous relatorios sobre o proxecto OpenStreetMap en dous centros de ensino galego, pola mañá no CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco, e pola tarde no IES Xulián Magariños de Negreira.

En ambos casos o guión dos relatorios foi o mesmo, cunha introdución á información xeográfica e as vantaxes dos mapas para transmitir información, así como a importancia de que os datos, igual que o software, sexan libres. Un total de 85 alumnas e alumnos en Coristanco e algo máis de 100 en Negreira puideron coñecer as vantaxes da información xeográfica e o proxecto OpenStreetMap de primeira man, vendo algúns exemplos do seu uso e unha demostración de como editar información neste mapa colaborativo.

Durante as próximas semanas espérase ademais que os alumnos traballen no proxecto, engadindo e editando información xa que esta asociación preparou tamén un pequeno concurso en cada centro. Así a alumna ou alumno que máis contribucións faga a este proxecto en cada un dos centros terá un agasallo.
Este tipo de actividades non son novas, xa que as veñen realizando dende o ano 2010, combinando diferentes temáticas como a introdución ao software libre, á proxectos de cultura libre como a Wikipedia ou máis recentemente estes relatorios sobre a información xeográfica e o proxecto OpenStreetMap. Durante este mes de outubro teñen pensando facer algún relatorio máis polo menos noutro centro de ensino galego.

Todos este relatorios forman parte das actividades que a asociación GHANDALF realiza no marco do Convenio de colaboración asinado coa AMTEGA para a difusión do software libre e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2016 da Xunta de Galicia.

Pin It on Pinterest

Share This