Logo da asociación GhandalfSegundo nos informan dende a asociación Ghandalf, durante estas últimas semanas máis de 250 alumnos pertencentes a diferentes niveis da ESO e de ciclos superiores, así como tamén algúns profesores dos centros implicados, recibiron por parte da asociación GHANDALF unha serie de charlas formativas en materia de software libre.

O pasado día 1 de outubro, no CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco, tivo lugar a primeira destas charlas, na que arredor de 100 alumnos de 1º e 2º da ESO, así como parte do profesorado do centro, recibiron unha charla de introdución ao software libre. Nesta sesión os asistentes tiveron a oportunidade de descubrir que é o software libre, como se obtén, que vantaxes achega e mesmo darse conta de que o estaban a empregar a diario sen ser conscientes dilo. Na segunda parte da charla viron exemplos de ferramentas libres que se poden empregar para as tarefas máis habituais como pode ser a ofimática, navegación por internet, retoque fotográfico, xogos, etc.

Por outra banda, no IES Xulián Magariños de Negreira, onte mesmo, tiveron lugar outras dúas sesións, nas que participaron máis de 150 persoas en total.
A primeira delas orientada a alumnos e profesorado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato baseouse nos mesmos contidos introdutorios que no caso anterior, pero adaptados á maior idade dos alumnos asistentes. No nivel no que estes se moven o uso da tecnoloxía xa é imprescindible practicamente para todas as súas labores no ámbito do ensino, así como na súa esfera persoal. Coa charla puideron coñecer máis en detalle que é o software libre e como o mesmo lles cubre todas as súas necesidades tecnolóxicas achegándolles a maiores unha serie de vantaxes de enorme importancia.

A segunda das sesións que tivo lugar neste centro, e xa de xornada de tarde, estivo dirixida aos alumnos do Ciclo Superior de Informática (ASIR) e ao profesorado de informática. O contido desta charla virou máis técnico, afondando nos aspectos legais do software libre, tocando o tema do licenciamento, o desenvolvemento en comunidade, etc. O obxectivo foi que os alumnos, dado que no futuro estarán a traballar no sector TIC, teñan un coñecemento maior sobre o software libre, así como unha base para chegar a entender a casuística en canto aos aspectos legais, licenciamento e ferramentas de desenvolvemento en comunidade, que son propias deste tipo de proxectos.

Este tipo de activades no son novas por parte desta asociación, xa que dende o seu nacemento no ano 2009 as charlas formativas dirixidas ao alumnado, profesorado e mesmo profesionais de diversos sectores veñen sendo un dos seus sinais de identidade.

Estas charlas forman parte das actividades que a asociación GHANDALF realiza no marco do Convenio de colaboración asinado coa AMTEGA para a difusión do software libre e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2014 da Xunta de Galicia.

Pin It on Pinterest

Share This