Responsables de diversas áreas dos museos de ambos países escandinavos contan no medio dixital Joinup que empregan software libre de forma interna dende hai tempo. Así mesmo, tamén confirman que poñen a disposición do público xeral diversos recursos seguindo a filosofía dos datos abertos.

Un claro exemplo do compromiso cos datos abertos é o do Museo Nacional de Suecia. Esta entidade forma parte da iniciativa OpenGLAM da Open Knowledge Foundation mediante a que se pretende fomentar o desenvolvemento de políticas e prácticas éticas no referente ao aceso ao patrimonio cultural. Neste museo, contan que o 25% das obras está suxeitas a dereitos de autor, pero o resto están publicadas baixo os termos da licenza CC-BY e poden visitarse diversas coleccións en liña.

Por outra banda, no referente ao software libre, neste museo empregan internamente diversas solucións de software libre, como por exemplo IIPImage, e tamén contan que teñen publicado algúns recursos licenciados baixo licenzas libres en repositorios de GitHub. Sobre a publicación de software libre, Dag Hensten, do Museo Nacional de Noruega, conta que eles publican código propio cando ven que a publicación do mesmo pode ter sentido para outros actores do sector cultural.

Algún outro exemplo do compromiso cos datos abertos é a base de datos KulturNav que é utilizada tanto por parte de museos de Noruega coma de Suecia. Trátase dunha base de datos que contén recursos sobre o patrimonio cultural, co foco posto na creación, modificación e distribución de vocabulario e terminoloxía.

Fonte: Joinup

Pin It on Pinterest

Share This