A ApacheCON deste ano terá lugar en liña

Martes, 22 Setembro 2020
  • A ApacheCon celébrase este ano en liña dende o martes 29 de setembro ata o xoves 1 de outubro.
  • Catro días de eventos sobre tecnoloxías libres e abertas relacionadas cos proxectos da Apache Software Foundation

A conferencia de software libre arredor das tecnoloxías Apache é coñecida como a ApacheCon e lévase celebrando dende o ano 1998, unha ou dúas veces por ano. Neste evento cítanse desenvolvedores e entusiastas das tecnoloxías libres, principalmente centrándose nas que están baixo o paraugas da Apache Software Foundation. Proxectos con fama e recoñecido uso  como poden ser o servidor web Apache, o servidor de aplicacións Tomcat, o xestor de base de datos Cassandra, Hadoop, Kafka… E moitos outros que están na “incubadora de Apache”.

Tradicionalmente este evento ademais de acudir a charlas, conferencias, obradoiros, etc tamén servía para desvirtualizar o traballo das persoas que fan posible o software libre dende múltiplos lugares esparexidos polo mundo. Este ano ao ser un evento virtual perde un pouco esa parte, pero ten o positivo de que poderá acudir máis xente ao non necesitar desprazarse ata a localización onde tivese lugar o acontecemento.

apacheCon_web

O enfoque das actividades é diverso aínda que dende a fundación destacan a temática do “Big Data”, que conta con dous fíos de charlas simultáneos en todo momento, aínda que existen moitos outros temas como comunidade, IoT, prendizaxe máquina, streaming, xeoespacial e varios proxectos tamén conta co seu propio fío de conferencias no evento. Pode verse a totalidade das charlas e actividades nesta ligazón.

Algunhas das charlas principais da conferencia son as que impartirán recoñecidos profesionais como Thomas Huang que impulsa a adopción de múltiples tecnoloxías na NASA, Sheng Wu membro da APF, Camille Fournier de Two Sigma, Edmin Begoli do ORNL (Oak Ridge National Labs), Sam Lightstone de IBM, Kim Huang de Red Hat ou Catherine McGarvey de VMWare.

O rexistro ao evento está aberto é de balde, pero dende a organización agradecen as doazóns que se poden facer mediante o rexistro mercando entradas de distintos prezos.

Rexistro ao evento.

Xunta

Xunta de Galicia, Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia

Atención á cidadanía - Accesibilidade - Aviso legal - Mapa do portal