• A Amtega publica con licenza libre e en formatos abertos os materiais formativos para a obtención das competencias definidas no CODIX
  • Os obxectivos desta publicación son achegar novas formas de formación á cidadanía e permitir que outros centros ou entidades formativas poidan empregar estes materiais
  • Dende o pasado 30 de outubro xa se pode acceder ao programa de autoformación para adquirir ditas competencias a través da plataforma EMA da rede CeMIT

Imaxe das portadas das unidades formativas publicadas

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar no Repositorio Documental de Software Libre os materiais formativos que compoñen o programa de autoformación para obter a Certificación galega de Competencias Dixitais en Ofimática, CODIX, na súa modalidade de Software Libre, é dicir, baseándose no uso do sistema operativo GNU/Linux e a suite ofimática LibreOffice. Os materiais publícanse con licenza libre (CC-by-sa) e en formatos abertos (pdf, epub, SCORM e tamén en formato elp de exelearning).

O CODIX é unha certificación que acredita que a persoa titular conta coas capacidades, destrezas e coñecementos en ofimática definidos no Plan formativo ofimático de Galicia.

Este programa pode seguirse na modalidade de autoformación a través do Espazo Multimedia de Aprendizaxe (EMA) da Rede CeMIT co único requisito de ser usuario rexistrado maior de 16 anos.
O material formativo da Certificación galega de competencias dixitais en ofimática consta de cinco unidades formativas:

  • UF0319 – Sistema operativo, procura da información: internet/intranet e correo electrónico.
  • UF0320 – Aplicacións informáticas de tratamento de textos: LibreOffice Writer
  • UF0321 – Aplicacións informáticas de follas de cálculo: LibreOffice Calc
  • UF0322- Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais: LibreOffice Base
  • UF0323- Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información: LibreOffice

Licenza Libre e formatos estándar abertos

Seguindo as boas prácticas recollidas na Guía de boas prácticas para a publicación de obras documentais da Xunta de Galicia, os materiais publícanse con licenza libre e en formatos abertos.

Con esta publicación búscase incrementar as posibilidades de autoformación por parte da cidadanía, e por outro lado promover e facilitar o reaproveitamento dos materiais por parte de centros educativos ou formativos que teñan interese en ofrecer formación para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática, CODIX.

Todos os materiais publícanse coa licenza CC-by-sa, co que calquera persoa é libre de descargalos, empregalos, distribuílos, modificalos, etc sempre que recoñeza ao autor orixinal e en caso de que distribúa os materiais modificados o faga empregando a mesma licenza.

Os materiais están dispoñibles nos seguintes formatos:

  • elp: Formato editable do aplicativo de elaboración de materiais formativos, exelearning, que posibilita que calquera poida corrixir, modificar, ampliar, engadir exercicios, etc aos materiais.

  • Scorm: Formato estándar para a súa reutilización en plataformas de teleformación.

  • pdf: O curso impreso en formato pdf para facilitar a súa visualización en calquera dispositivo que conte cun lector de pdf.

  • epub: Formato estándar para a súa lectura en dispositivos móbiles, ereaders, etc

Cómpre mencionar que tanto os formatos epub como pdf, serven para que calquera poida descargar e acceder aos contidos sen necesidade de permanecer conectado, pero obviamente coa contrapartida de perder as posibilidades de visualizar vídeos, ou realizar exercicios de autoavaliación, para o que recomendamos seguir os cursos a través da plataforma EMA da rede CeMIT.

CODIX, autoformación e probas de avaliación

O CODIX é unha certificación que acredita que a persoa titular conta coas capacidades, destrezas e coñecementos en ofimática definidos no Plan formativo ofimático de Galicia. Pode obterse esta certificación mediante a superación dunha proba convocada para ese fin pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ou ben a través da acreditación de posuír outros títulos equivalentes.

O pasado 13 de maio publicouse no DOG a orde que autoriza á Rede de Centros para Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) a ofrecer o itinerario formativo do Plan Ofimático de Galicia así como a realizar as probas de avaliación para a obtención do Codix, a certificación galega de competencias dixitais en ofimática, que emite a Amtega, e que acredita a formación neste materia da persoa titular, ante calquera instancia pública ou privada. Durante os meses de verán formáronse e acreditáronse os axentes TIC das aulas da rede CeMIT.

O 25 de setembro, publicouse no DOG a primeira convocatoria para a obtención da certificación CODIX tras o seguimento do curso de formación na rede CeMIT. O éxito de acollida desta primeira convocatoria foi tal, que en 8 horas cubríronse as 360 prazas convocadas pola Amtega. As primeiras probas acreditativas para a obtención da certificación por parte da cidadanía realizaranse os próximos días 1 e 3 de decembro.

Este programa de autoformación oriéntase cara á adquisición de coñecementos e habilidades de maneira autónoma, asumindo o participante un papel activo no proceso de aprendizaxe e achegando estes contidos formativos a un maior número de cidadáns, especialmente a aqueles que por barreiras xeográficas ou razóns de conciliación non poden optar á modalidade presencial.

As persoas interesadas poden acceder ao programa de autoformación, previa alta como usuario da Rede CeMIT e automatriculándose na sección “Autoformación” – “CODIX Ofimática”. O acceso aos contidos das actividades do programa de autoformación e a resposta a cuestionarios de corrección automática non dá dereito á expedición do certificado regulado no Decreto 218/2011, do 17 de novembro, nin á obtención de ningún tipo de certificación.

Pin It on Pinterest

Share This