• A súa liberación permitirá o seu uso por parte de particulares, empresas e ou administracións promovendo a estandarización e a reutilización
  • Esta publicación enmárcase no Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) publica como software libre o seu arquetipo corporativo para o desenvolvemento de servizos web. O código fonte liberado baixo unha licenza de software libre pode atoparse xa no repositorio de Software Libra da Xunta de Galicia.

Con esta nova liberación búscase poñer a disposición dos desenvolvedores, tanto particulares, empresas ou outras administracións o esqueleto común que se emprega na Amtega para o desenvolvemento de servizos web, favorecendo a reutilización e fomentando a estandarización dos mesmos. Así mesmo, permitirá tamén que o traballo de liberación das novas solucións que se desenvolvan tomando como base este arquetipo sexa moito máis áxil e sinxelo.

Este arquetipo é o segundo que se libera por parte da Amtega, que xa ten liberado o ano pasado o arquetipo para o desenvolvemento de aplicacións web Java. O código fonte liberado non só inclúe o esqueleto para o desenvolvemento de novos servizos web, senón que tamén se liberan novas versións de compoñentes transversais que se empregan dentro da Amtega e que poden ser reutilizados en moitos casos de uso.

Arquetipo de para o desenvolvemento de servizos web

O Arquetipo pódese entender como un esqueleto base común para a creación de servizos web, que inclúe xa unha base a partir da cal se poden desenvolver funcionalidades máis específicas.

Este arquetipo xurde como un obxectivo interno de homoxeneizar e estandarizar todos os servizos web que se desenvolven internamente, cumprindo tamén cos estándares Java da Amtega, o que facilita tamén o traballo aos provedores tecnolóxicos, e fomentar tamén na comunidade o desenvolvemento e reutilización de compoñentes transversais.

Esta liberación enmárcase no Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia e contou coa participación da Oficina de Software Libre da Amtega quen elaborou un informe técnico que garante a viabilidade xurídica da liberación e as condicións nas que se pode realizar. O Arquetipo publícase cunha licenza libre ASLv2 (Apache Software License version 2) e tamén baixo a EUPL (European Union Public License).

Pin It on Pinterest

Share This