• Realizará dúas presentacións sobre solucións tecnolóxicas baseadas en Software Libre orientadas ao sector
  • Contará cun stand propio onde os asistentes poderán recibir información e material sobre diferentes servizos e produtos TIC.

A Amtega contará cun stand propio na XXVIII Feira do Moble de Galicia, que se celebra entre os días 20 e 28 de setembro nas instalacións da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada. Neste stand, os asistentes á Feira do Moble atoparán información e material sobre diferentes solucións, en materia TIC, que poden ser interesantes para este sector.

Ademais o día 24 de setembro, celebraranse dúas presentacións, de 45 minutos de duración cada unha, que amosarán algunhas solucións tecnolóxicas do eido do Software Libre, para a mellora dos procesos produtivos, marketing e vendas, orientadas ao sector do moble:

  • Sistema de xestión empresarial ERP Eneboo. Mellora a xestión dos teus procesos produtivos da man do Software Libre.
  • Achégate aos novos clientes da man de Internet. Deseña unha boa estratexia de venda e marketing e abre a túa tenda en liña.

A primeira das presentacións leva por título: "Sistema de xestión empresarial ERP Eneboo. Mellora a xestión dos teus procesos produtivos da man do Software Libre" e está orientada a dar a coñecer a ferramenta de Software Libre Eneboo, unha solución para a xestión empresarial que conta con módulos adaptables a diferentes sectores empresariais. Esta presentación correrá a cargo de Asier Epelde de Ítaca Software Libre, e de José Aller de Siagal, partners galegos do Software ERP Eneboo.

A segunda presentación, “Achégate aos novos clientes da man de Internet. Deseña unha boa estratexia de venda e marketing e abre a túa tenda en liña”, está orientada ao achegamento das novas técnicas de venda aproveitando as tecnoloxías de comercio electrónico. Correrá a cargo de Asier Epelde e Antón Insúa do proxecto intercooperativo O Tendal, que pretende achegar a empresas e cooperativas unha axuda íntegra para o posicionamento no mercado a través das ferramentas que internet pon á nosa disposición.

Achegamento das TIC ao sector do moble

A presenza da Amtega na XXVII da Feira do Moble forma parte da súa estratexia de achegamento das Tecnoloxías da Información e Comunicacións aos diferentes sectores empresariais galegos.

A participación neste tipo de eventos complementa os servizos permanentes que a Axencia pon a disposición do tecido empresarial galego a través do Centro Demostrador TIC, a Oficina de Coordinación de Software Libre e o recentemente inaugurado Servizo de Consultas TIC, a través do cal se da resposta as consultas que tanto particulares como empresas poidan ter e que estean vinculadas coas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).

XXVIII Feira do Moble de Galicia

A XXVIII edición da Feira estradense conta coa participación de máis de 1000 firmas diferentes do sector que se repartirán ao longo dos máis de 26.000 metros cadrados de exposición, divididos entre 6 pavillóns diferentes, das cales o 15% son firmas internacionais, e o 40% de fóra de Galicia. Todo isto acompañado ademais de diferentes actividades paralelas que terán lugar durante os 9 días de duración do evento.

Pin It on Pinterest

Share This