• Pode presentarse calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, Traballo de Fin de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado nalgunha das convocatorias do ano académico 2014-2015.
  • O premio ten unha dotación económica de 2.250 euros, repartidos nun primeiro premio de 1.500 euros e un segundo premio de 750 euros e grazas á achega do CIXUG e a asociación universitaria GPUL.
  • O prazo de presentación de candidaturas estará aberto ata o 30 de setembro de 2015.

Cartel do premio ao mellor proxecto universitario con licenza libre

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) convoca un ano máis o Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre, que vai xa pola súa VIII edición. O premio está dotado con 2.250 euros, repartidos nun primeiro premio de 1.500€ e a posibilidade de outorgar un segundo premio de 750€, se o xurado o considera adecuado pola calidade dos proxectos presentados.

Os patrocinadores desta edición son o CIXUG (Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións para a Xestión Universitaria), cunha achega de 1.500€ e a asociación universitaria GPUL (Grupo de programadores e usuarios de Linux) cunha achega de 750€, ambos ao abeiro dos respectivos convenios de colaboración asinados coa Amtega para a realización de actividades de promoción do Software Libre en Galicia.
O obxectivo do premio é o fomento e o achegamento dos universitarios galegos ao software libre, e a apertura a novas posibilidades de emprego relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación, xa que o Software Libre constitúe un área de traballo en crecemento.

Requisitos e prazos

Pode optar ao premio calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, Traballo de Fin de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado cunha nota mínima de 5.0, nalgunha das convocatorias do ano académico 2014-2015.

Os requisitos que deben cumprir estes traballos son ter sido realizados cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación e ter publicado o software desenvolvido durante o proxecto cunha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative.

Dado o auxe que está a ter ultimamente o hardware libre e a robótica, cómpre resaltar que, xa dende o ano pasado, este premio está aberto tamén a aqueles proxectos que fagan uso de Hardware Libre.

O prazo de presentación de candidaturas remata o 30 de setembro.

Toda a información sobre como participar está dispoñible na páxina do premio dentro do portal mancomún (http://www.mancomun.org/premiopfc/). Así mesmo pode contactarse coa organización do premio tanto a través da Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega como da Oficina de Software Libre do CIXUG.

Plan de Software Libre da Xunta

Esta iniciativa enmárcase no Plan de Acción de Software Libre 2015 da Xunta de Galicia, dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do software de fontes abertas entre a cidadanía galega e en particular no estudantado universitario.

Este premio, que vai pola súa VIII edición, ten a súa orixe no ano 2007 da man da empresa galega Igalia, quen ao detectar a carencia de profesionais cunha alta especialización neste área decidiu poñer o seu gran de area para reducir esa falla poñendo en marcha este premio. Dende o curso 2011-2012 este premio é convocado e organizado pola Amtega como parte do seu Plan de Acción en materia de Software Libre, para o que conta coa colaboración e apoio dos distintos axentes do ecosistema do software libre galego.

Con esta iniciativa a Xunta desexa continuar premiando a labor que están a realizar os universitarios galegos á vez que se pon en valor o traballo que realizan durante o seu Traballo Fin de Grao ou Mestrado, promovendo o emprego e difusión do Software Libre como ferramenta de achegamento ao mundo laboral.

Na edición do ano 2014 resultou como gañador Vreixo González Caneda polo proxecto “Aplicativo de cálculo de rutas en transporte público con software libre”. Así mesmo concedeuse o segundo premio a Iago Veloso Abalo polo proxecto “ Sistema de gravación automática da emisión en directo dunha emisora de radio comunitaria con Software Libre”.

Fonte: Amtega

Pin It on Pinterest

Share This