• O premio ten unha dotación económica de 2.250 euros grazas á achega do CIXUG e a asociación universitaria GPUL
  • Pode presentarse calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, Traballo de Fin de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado Universitario nalgunha das convocatorias do curso 2013-2014
  • O prazo de presentación de candidaturas remata o vindeiro 30 de setembro

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) convoca o Premio ao Mellor Proxecto de Fin de Carreira con Licenza Libre, que vai xa pola súa VII edición. A principal novidade deste ano é a súa adaptación aos novos plans formativos universitarios, ampliando a convocatoria aos traballos de fin de grao e de fin de mestrado universitario e mantendo a posibilidade de presentarse aos proxectos de fin de carreira das antigas titulacións de Enxeñería e Enxeñería Técnica.

Banner do PFC 2014

Premios

O Premio está dotado con 2.250 euros, repartidos nun primeiro premio de 1.500€ e a posibilidade de outorgar un accésit de 750€, se o xurado o considera adecuado pola calidade dos proxectos presentados. Os patrocinadores desta edición son o CIXUG, cunha achega de 1.500€ e a asociación GPUL cunha achega de 750€, ambos ao abeiro dos respectivos convenios de colaboración asinados coa Amtega para a realización de actividades de promoción do Software Libre en Galicia.
O obxectivo do premio é o fomento e o achegamento dos universitarios galegos ao software libre, e a apertura a novas posibilidades de emprego relacionado coas tecnoloxías da información e da comunicación, xa que o Software Libre constitúe un área de traballo en crecemento.

Requisitos

Os requisitos que deben cumprir os traballos son ter sido realizados cunha implementación libre de calquera linguaxe de programación e ter publicado o software desenvolvido durante o Traballo Fin de Grao ou Mestrado Universitario cunha licenza libre entre as recoñecidas como tal pola Free Software Foundation ou a Open Source Initiative. Por suposto, neste marco encadraríanse tamén aqueles proxectos que fagan uso de Hardware Libre.

Se algunha asociación, empresa, entidade ten interese en patrocinar algunha categoría especial dentro deste premio de igual xeito que en anos anteriores, pode poñerse en contacto coa organización do premio.

Prazos

Pode optar ao premio calquera estudante do Sistema Universitario Galego que teña defendido o seu Proxecto de Fin de Carreira, Traballo de Fin de Grao ou Traballo de Fin de Mestrado cunha nota mínima de 5.0, nalgunha das convocatorias do ano académico 2013-2014. O prazo de presentación de candidaturas remata o 30 de setembro.

Todos os interesados en participar poden consultar a información na páxina do premio dentro do portal mancomún ou poñerse en contacto coa organización do premio tanto a través da Oficina de Coordinación de Software Libre da Amtega como da Oficina de Software Libre do CIXUG.

Plan de Software Libre da Xunta

Esta iniciativa enmárcase no Plan de Acción de Software Libre 2014 da Xunta de Galicia, dentro das liñas de actuación para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do software de fontes abertas entre a cidadanía galega e en particular no estudantado universitario.

Este premio, que vai pola súa VII edición, ten a súa orixe no ano 2007 da man da empresa galega Igalia, quen ao detectar a carencia de profesionais cunha alta especialización neste área decidiu poñer o seu gran de area para reducir esa falla poñendo en marcha este premio. Dende o curso 2011-2012 este premio é convocado e organizado pola Amtega como parte do seu Plan de Acción en materia de Software Libre, para o que conta coa colaboración e apoio dos distintos axentes do ecosistema do software libre galego.

Con esta iniciativa a Xunta desexa continuar premiando a labor que están a realizar os universitarios galegos á vez que se pon en valor o traballo que realizan durante o seu Traballo Fin de Grao ou Mestrado, promovendo o emprego e difusión do Software Libre como ferramenta de achegamento ao mundo laboral.

Na edición do ano 2013 resultou como gañador Pablo Belay Fernández, co proxecto xeoPesca, unha aplicación que permite rexistrar a actividade pesqueira de flotas de baixura. Así mesmo concedeuse un accésit a Esperanza González González e o seu proxecto Abioxénese, unha instalación interactiva onde o usuario xera visuais e música co seu movemento.

Fonte: Amtega

Pin It on Pinterest

Share This