• A Amtega incluíu no catálogo do Centro de Transferencia Tecnolóxica o novo proxecto recentemente publicado na Forxa: o portal do MapaTIC.gal
  • Ademais fai público no portal mancomún o seu boletín mensual de reutilización de software nas administracións públicas

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), no marco do Plan de Software Libre 2015, continúa traballando na liña de fomento da reutilización de software na administración pública.

Así, no se compromiso anual de liberación de proxectos desenvolvidos con fondos públicos, o pasado mes publicou no Repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia (A Forxa) o código fonte do portal web denominado MapaTIC.gal, xunto coa súa documentación. O portal MapaTIC foi liberado cunha licenza libre GPL2 (General Public License version 2). Ademais, como vén sendo habitual nos proxectos liberados dende a Xunta de Galicia, deuse de alta no catálogo de solucións reutilizables do Centro de Transferencia Tecnolóxica (CTT) polo que o proxecto terá visibilidade tamén a nivel estatal.

Esta liberación vai permitir a reutilización por parte doutras administracións con iniciativas similares, do portal web que achega a oferta de solucións TIC aos posibles demandantes das mesmas.
Lembremos que o MapaTIC.gal é o portal que serve como catálogo de produtos e servizos TIC das empresas galegas do sector e de punto de encontro entre o sector e as posibles demandas tecnolóxicas das empresas do resto des sectores produtivos.

As pemes ou autónomos rexistrados poden publicar demandas tecnolóxicas de produtos ou servizos; acceder a información detallada de solucións; identificar ao provedor tecnolóxico máis próximo; comparar varias solucións ou mesmo coñecer casos reais doutras empresas que xa implantaron unha determinada solución. Pola súa parte os provedores rexistrados no MapaTIC poden publicar as súas ofertas tecnolóxicas e responder ás demandas de solucións que se reciban.

Boletín de reutilización de Software Libre

Por outra parte, dentro tamén das liñas de fomento da reutilización de software na administración pública, a Amtega vén de facer público o boletín mensual de reutilización de software libre nas administracións públicas.

O obxectivo deste boletín non é outro que favorecer e incrementar o coñecemento do software libre entre os responsables en materia TIC da Xunta de Galicia de forma que se no futuro xorde a mesma necesidade nalgún departamento da Xunta de Galicia, exista xa un coñecemento previo dunha posible solución libre reutilizable que poidan avaliar co conseguinte aforro no investimento.

Dende agosto de 2014, a oficina de coordinación de software libre da Amtega vén elaborando e difundido entre os responsables en materia TIC da Xunta de Galicia un boletín, de periodicidade mensual, sobre reutilización de software libre polas administracións públicas. Nel recóllense iniciativas sobre solucións libres, open data e estándares abertos; experiencias de uso de ferramentas libres que se identifican noutras administracións públicas de interese e aplicabilidade dentro da Xunta de Galicia; documentación ou formación de interese nesta materia, etc.

Co obxectivo de incrementar a difusión desta información noutras administracións públicas, como por exemplo as entidades locais, ou en calquera outra entidade ou organismo que lle poida ser de utilidade, a partir deste mes este boletín farase público na seguinte ligazón: http://www.mancomun.org/actualidade/boletin_de_reutilizacion

O boletín consta de 6 seccións:

  • Novas: Ligazóns a novas relacionadas coa reutilización de software, uso de estándares abertos ou open data.
  • Caso de éxito: Información sobre un caso de éxito de uso dunha solución libre nunha administración pública.
  • Proxecto/Aplicación destacado: Descrición detallada e ligazóns de interese sobre unha aplicación ou proxecto de interese para as administracións publicas.
  • Axenda congresos/eventos/cursos: Información sobre formación e actos de difusión no ámbito de información deste boletín, facendo especial fincapé nos congresos ou eventos onde vaian a ser presentadas novas solucións.
  • Publicacións: Ligazóns a publicacións nas que se trate a reutilización de software dentro da administración pública, de xeito xeral ou sobre casos de éxito concretos.
  • Segue en twitter a/ Segue o blogue de: Información sobre entidades ou persoas con experiencia na reutilización de software na administración pública.

Pin It on Pinterest

Share This