A institución polaca de seguridade social, ZUS (Zakład Ubezpieczeń Społecznych), dependente do Ministerio de Traballo e Política Social da República de Polonia asinou un contrato de soporte dunha duración de tres anos con Polska Linux.

Este contrato de soporte servirá para que os seus sistemas de virtualización de servidores con GNU/Linux poidan ser xestionados por Polska Linux as 24 horas xa que nestes sistemas manéxanse sistemas críticos con datos sensíbeis de toda a poboación polaca.

Na administración polaca xa viñan empregando o sistema operativo libre GNU/Linux con anterioridade tanto pola propia ZUS como por parte doutros organismos e ministerios.
Coa sinatura deste contrato ponse de manifesto a satisfacción do uso deste sistema operativo manténdose no tempo e incluso ampliándose da man do fornecedor de solucións informáticas local que se encargará de implantar unha nova solución para ZUS e de dar o soporte ao clúster de virtualización onde se emprega Red Hat Enterprise Linux entre outras solucións libres.

Mediante a nova plataforma de virtualización permitirase:

  • Xestionar de forma simplificada e centralizada múltiples servidores.
  • Escalabilidade garantida da infraestrutura TI dentro do clúster de servidores físicos.
  • Lanzamento de aplicacións dun xeito máis áxil e rápido nun entorno virtual.
  • Automatizar o proceso de detección e eliminación de ataque e ameazas nos sistemas.
  • Configuración de aplicacións e recursos adaptados ao funcionamento con alta dispoñibilidade.

Grazas a este tipo de tecnoloxías libres e abertas, non só se permite aforrar custos á administración, senón que tamén permite gañar en independencia tecnolóxica así como mellorar a seguridade, escalabilidade e o rendemento das infraestruturas informáticas e que como neste caso tamén estarían fixando postos de traballo locais en empresas da contorna.

Fonte (en polaco): https://linuxpolska.pl/aktualnosci/zus-wybral-nowa-platforme-do-wirtualizacji-od-linux-polska/
Imaxe orixinal: https://commons.wikimedia.org/wiki/File:Warszawa_9471.jpg

Pin It on Pinterest

Share This