Recen chegado o mes de novembro atopámonos en plena efervescencia maker que fará cumio o próximo sábado 10 no museo Domus, coa celebración da sétima edición da OSHWDem (Open Source Hardware Demonstration).

Despois do chamamento feito o pasado xullo (Call4Makers), que rematou onte martes, chega o momento de amalloar os últimos detalles de cara ao considerado como un dos meirandes, se non o meirande, eventos maker en Galicia.

O feito de falarmos dun evento tan capital non impide porén aos seus organizadores, a asociación Bricolabs, continuar levando adiante obradoiros e xuntanzas con grande frecuencia. Xunto cos decorridos os pasados 12 e 27 de outubro, poderemos desfrutar este mesmo venres 9 de novembro, como xornada de quecemento previa a OSHWDem, de dous novos talleres. Desta volta teremos que achegarnos ao Espazo de Iniciativas Xuvenís, a carón da Domus, onde teremos oportunidade de ser instruídos en Automatización e domótica con Node-RED e ESP8266 e Robótica e FPGAs libres: Construindo a Doodle.

Nas propias verbas da asociación a domótica e a automatización do fogar con tecnoloxías abertas sempre tivo unha grande complexidade debido sobre todo a como comunicar correctamente os diferentes compoñentes tanto software como hardware. Este primeiro obradoiro, a cargo de Luis del Valle, pretende amosarnos como experimentar coa ferramenta Node-RED, a cal vai actuar como facilitadora da devandita comunicación entre os diferentes compoñentes facendo fincapé na lóxica do servidor.

Que é una FPGA?, para que serve?, Como podo crear circuítos de forma sinxela? Os asistentes ao obradoiro terán a sorte de ser instruídos na montaxe e manexo do robot insecto Doodle da man do seu creador, Julián Caro Linares.

OSHWDem 2018

Trala xornada do venres chegará o prato forte da fin de semana, a sétima edición da OSHWDem. O evento, que decorrerá ininterrompido de 10:00 da mañá a 20:00 do serán, dividido en dúas seccións principais, proxectos e competicións.

Competicións

No apartado competitivo, entre as 10:00 e as 15:00 teremos oportunidade de competir nas categorías de labirinto, combate e segueliñas. Unha vez entrada a tarde, comezando as 16:00, poderemos desenvolver as nosas habilidades como velocistas, sumo robot e hebocon.

Na páxina oficial do evento atoparedes o formulario de inscrición, así como tamén as normas de cada unha das modalidades.

Ante calquera dúbida a organización pon a disposición unha sección de preguntas frecuentes así como todas as novidades na súa conta de Twitter.

Cartel OSHWDem 2018

Cartel OSHWDem 2018

Proxectos

Tralo éxito do Call4Makers, estes son algúns dos proxectos máis salientables dos que poderemos desfrutar na exposición.

Bricolabs

Os organizadores do evento deleitarán aos asistentes cos seguintes exemplos do seu saber facer, froito da súa paixón por deseñar, construír e compartir proxectos baseados na electrónica e robótica.

  • HinchOshwi, a mascota da OSHWDem en formato inchable con tentaculares apéndices! Creado con bolsas de plástico, ventiladores y demais obxectos
  • Instrumentos musicales DIY, como a Cigarbox guitar, Canjo ou Lap steel guitar
  • Robots: Hexápodo baseado en arduino, robot de laberintos baseado en teensy e o robot de combate radiocontrol

David Martín

David Martín, presenta nesta edición a Jarwis, un sistema domótico, intelixente, low cost e opensource e a Andy, bípedo baseado en Arduino, Atiny85 e Raspberry Pi. A idea do proxecto é lograr emular o funcionamento do sistema nervioso dun ser vivo.

Deseñando e producindo sons: Diversidade impresa

Felo Couto, achega a exposión a creación dun banco de modelos 3D imprimibles baixo licenza Creative Commons que podan ser empregados por persoas con xordeira e cegueira ou outras diversidades funcionais.

qBOT

Trátase dun sistema de bloques de construcción intelixentes coa capacidad de moverse e conformar estruturas. Da man de Pablo García.

Pon un escornabot na tua vida

Da man de Pablo Rubio o Pai de escornabots e liberador de cadeas

Banda Rockbotica

Alumnos do IES A Xunqueira II presentan un robot humanoide quen de interpretar patróns rítmicos nunha batería.

Zero Lume

Esther e Lucía son as creadoras do proxecto Zero Lume, que ten como obxectivo nada más e nada menos que minimizar os efectos secundarios que traen os incendios. Cando se produce unha combinación de factores propicios para os incendios, o dispositivo de prevención fai saltar as alertas de advertencia, para revisar la situación in situ.

OSHWaldo

Carlos García é o creador de OSHWaldo un robot de conversa co que aprenderás sobre o software libre. Emprega recoñecemento facial e síntese de voz para departir cos asistentes ou, canda menos, captar a atención.

QAS Sensorización da calidade do aire

Por último, e non por iso menos importante, compre destacar a presenza de Brais Arias e o seu proxecto qas, que obtivo o segundo premio no certame que realiza anualmente a AMTEGA entre os mellores proxectos universitarios con licenza libre.

Trátase dun proxecto de sensorización da calidade do aire. Mediante este proxecto preténdese democratizar a monitorización da calidade do aire. Ao ser un proxecto libre e aberto, todo o mundo se pode fabricar unha estación de sensores para observar a calidade do aire que respira.

Pin It on Pinterest

Share This