O 26 de abril terá lugar a 5ª edición da Competición de Robots da Escola de Enxeñería Industrial de Vigo.

Volverán reunir na escola a centos de estudantes na procura dos mellores robots autónomos, deseñados, construídos e programados por eles.

“O principal obxectivo deste concurso é espertar o interese das e dos rapaces polas disciplinas STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas). Estamos a vivir nun mundo onde a tecnoloxía é unha realidade que está a cambiar os nosos modos de vida e transformar o emprego do futuro e pensamos que isto hai que cultivalo e desde as bases o concurso pretende contribuír a fomentar o interese pola tecnoloxía”, explica Juan Pardo, director da Escola de Enxeñería Industrial, para quen máis aló de poñer en práctica os seus coñecementos, esta é unha ocasión para que as e os participantes “se divirtan, coñezan outros equipos e vivan unha experiencia que sirva para espertarlle ilusión e paixón por este mundo dos robots”.

“O listón está moi alto e ademais hai limitacións ‘físicas’. Ao que si aspiramos, é a incrementar o número de centros participantes con algunha directriz que introducimos nas bases para dar máis xogo a esta cuestión, porque é bo que veñan rapazas e rapaces do maior número de colexios e institutos”, apunta Juan Pardo.

Categorías da competición

  • WALL-E, para ensino secundario (ESO e Bacharelato). Nesta categoría, o alumnado deberá montar e programar un robot móbil partindo dun kit básico (mBot Robot Educativo 2.4G), programable con Scratch e compatible coa plataforma de fontes abertas Arduino.
  • R2D2, para titulacións superiores (ensinanzas de Formación Profesional e titulacións universitarias, ademais doutras persoas interesadas). Nesta categoría, os participantes deberán crear robots cun tamaño máximo da envolvente dun cubo de 20 cm de lado, un peso máximo de 1500 gramos e con sensorización, forma, cor e configuración de tracción libre.

mBot

mBot é un dos produtos educacionais de robótica da empresa chinesa Makeblock. A súa electrónica está baseada na plataforma libre Arduino e pódese programar empregando a contorna de Arduino ou tamén unha propia de Makeblock baseada no proxecto libre Scratch, permitindo realizala mediante unha interface amigable e sinxela óptima para nenos e principiantes.

Novidades desta 5ª edición

  • Maior número de obstáculos, (modificación da proba denominada “Barrendeiro” que pasa a chamarse “Barrendeiro cebra”), atoparanse unhas tiras brancas a modo de pasos de cebra para engadir unha maior dificultade.
  • Novo sistema de cronometraxe para as probas, desenvolvido por un grupo de traballo do propio centro.

 

Máis información:
https://www.uvigo.gal/universidade/comunicacion/duvi/competicion-robots-escola-enxeneria-industrial-acadara-sua-5a-edicion-superados-os-3000

Pin It on Pinterest

Share This