A comunidade GNOME volve a estar de celebración un ano máis por estas datas. Este ano celebrase o 20 aniversario do contorno de escritorio GNOME.

A singladura de GNOME comezou un 15 de Agosto do ano 1997. Co anuncio feito por Miguel de Icaza e Federico Mena Quintero: “Queremos desenvolver un conxunto completo e libre de aplicacións e ferramentas de escritorio, similar a CDE e KDE pero baseado enteiramente en software libre”. Nacía asi GNOME como resposta ás dúbidas xurdidas pola confusión que xeraba a licenza das ferramentas de QT usadas por KDE nos seus inicios que ate os mediados do 1999 non era compatible con outras licenzas de tipo libre. En contraposición, as librerías de GNOME’s estarían sempre dispoñibles libremente desde os seus comezos para calquera aplicación baixo os termos da licenza GNU GPLv2.

Dende aquel anuncio ate hoxe pasaron 20 anos nos que GNOME madurou dende o xa tan afastado GNOME 1.0, e que aínda está dispoñible para a súa descarga e desfrute para os máis nostálxicos, ate o moderno e sofisticado GNOME 3. Un contorno de escritorio deseñado para facer máis sinxela e fácil o seu uso.

De igual importancia que o proxecto en si mesmo foron durante estes anos as GNOME Users And Developers European Conference (GUADEC) celebradas anualmente dende que no ano 2000 celebrárase a primeira GUADEC organizada por Mathieu Lacage como un acto puntual. O evento atraeu arredor de 70 colaboradores de GNOME. Foi a primeira vez que moitos dos colaboradores da comunidade GNOME se coñeceron en persoa e tras considerarse un éxito tomouse a decisión de darlle continuidade en diferentes localizacións arredor de Europa.

No que as GUADEC se refire, especial relevancia ten a comunidade española xa que ate a data España foi ate en catro ocasións o país anfitrión desta xuntanza anual. Cousa que se volverá a repetir para o ano coa celebración da GUADEC 2018 en Almería. Para nós, é especialmente interesante, a GUADEC do ano 2012 celebrada aquí en Galicia na cidade da Coruña.

Volvendo ao software, sen dúbida, foi GNOME 2.X a serie máis lonxeva e evolucionada ate a data do proxecto GNOME. En xuño do ano 2002, coa saída de GNOME 2.0 acadábase a culminación dos esforzos de conseguir un incremento drástico da experiencia de usuario máis a mellora da eficiencia e produtividade no desenvolvemento do software. GNOME 2.0 foi a primeira versión dunha serie que tería 16 lanzamentos máis ao longo dos nove anos seguintes.

Pasado o tempo, chegaría no 2011, a versión GNOME 3.0, a nova e derradeira versión do escritorio GNOME do momento, deseñado para os usuarios e dispositivos de hoxe e adecuado aos comportamentos e usos das interfaces gráficas actuais.

Pódese afirmar que as tecnoloxías de desenvolvemento de GNOME foron melloradas substancialmente para GNOME 3.0. Estes factores, modernizados e simplificados, permiten hoxe en día aos desenvolvedores do proxecto proporcionar mellores experiencias de usuarios con menos tempo e esforzo.

O obxectivo máis importante do GNOME 3 consiste na unificación e simplificación da experiencia do usuario entre o contorno de escritorio e as aplicacións. Ao respecto, moitos fallos foron identificados no escritorio GNOME 2 relacionado con fiestras, espazos de traballo e lanzamento de aplicacións, algunhas das cales eran intensivas en traballo e propensos a erros.

Tamén, con GNOME 3.22 incorpórase o sistema de paquetes Flatpak, o que mete prepara a GNOME para a seguinte xeración de xestión de aplicacións instaladas nun operativo moito máis moderna, segura e flexible que os clásicos xestores de paquetes.

A última versión liberada é GNOME 3.24, a cal data do pasado mes de Marzo. No presente, o proxecto GNOME continúa a ser mantido e mellorado por centenares de desenvolvedores de todo o mundo e proba disto son as numerosas mostras de afecto amosadas pola súa comunidade no seu aniversario happybirthdaygnome.

Na nosa comunidade, o proxecto GNOME segue contar có apoio e dedicación dende moitos anos atrás do Grupo de tradución de GNOME liderado pola asociación Trasno que se encarga da tradución, adaptación e tamén publicación dos recursos lingüísticos derivados das traducións de GNOME ao Galego de tal forma que todos outros tradutores da comunidade poidan aproveitar o excelente traballo feito por este grupo.

Pin It on Pinterest

Share This