Wordpress e WooCommerce dispoñibles no CDTIC Virtual

Publicado por Mancomún
Luns, 1 de Maio de 2017

  • O Centro Demostrador TIC pon a disposición das empresas usuarias a solución de tendas virtuais baseada en WordPress + Woocommerce para que poidan probalo e coñecer as súas características

  • O vindeiro 24 de maio o CDTIC organiza un seminario de iniciación nestas ferramentas para profesionais que queiran crear a súa propia tenda en liña

  • Máis de 100 empresas teñen solicitado os servizos do CDTIC Virtual, que ofrece a posibilidade de analizar e probar, de xeito gratuíto, solucións empresariais libres que están aloxadas na nube

O Centro Demostrador TIC da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) amplía a súa oferta de ferramentas informáticas no CDTIC Virtual coa incorporación dunha solución de tenda en liña baseada en WordPress + WooCommerce.

Esta nova solución do CDTIC Virtual está baseada en Wordpress, xestor de contidos de código aberto e libre distribución, empregado na actualidade para o funcionamento de máis de 60 millóns de blogs. Destaca pola súa simpleza, fácil manexo e por ser mantido por unha comunidade de voluntarios que contribúen con milleiros de plugins e temas para personalizar webs.

A aplicación que vén de incorporar o CDTIC ten precargado a extensión WooCommerce, unha ferramenta ideal para iniciarse no negocio electrónico a través de internet, xa que é sinxela no uso pero coa eficacia e funcionalidade doutras alternativas máis complexas no mercado para comercio electrónico, como pode ser Prestahop que tamén está dispoñible no CDTIC.

Obradoiro de iniciación WordPress + WooCommerce

Para amosar as vantaxes de empregar esta solución a profesionais e empresas, o CDTIC organiza o vindeiro 24 de maio unha sesión que leva por título “Xestiona o teu negocio en liña con WooCommerce e Wordpress”, que se levará a cabo nas instalacións do CDTIC en Santiago de Compostela, en horario de 16.00 a 19.00 horas.

Esta sesión será impartida por Hacce Conversion&Desing, empresa galega especializada en desenvolvemento web enfocado a maximizar a experiencia de usuario e a conversión de visitantes a clientes.

Centro Demostrador TIC Virtual

O CDTIC Virtual, posto en marcha polo Centro Demostrador TIC, constitúe un servizo no que empresas, organizacións e persoas usuarias poden probar e avaliar distintas aplicacións en software libre a través dun servizo na nube nun contorno privado, sen necesidade de dispoñer de recursos informáticos propios ou de persoal con coñecementos avanzados de sistemas.

Na actualidade, as solucións dispoñibles no CDTIC Virtual son Xeshostal, un software para a xestión hostaleira; Owncloud, un servizo de compartición de arquivos na nube; Odoo, un ERP para a xestión integral dunha empresa; CiviCRM, un software de xestión de relacións con clientes (CRM) orientado ao seu uso por parte de organizacións que traballan no eido social; PrestaShop unha plataforma web de comercio electrónico (e-commerce) e Alfresco o software de xestión documental profesional.

As persoas interesadas en solicitar a avaliación dunha das aplicacións dispoñibles non teñen máis que rexistrarse como empresas e profesionais na Web do CDTIC e posteriormente solicitar a aplicación ou as aplicacións que sexan do seu interese. Ata o momento xa o fixeron máis de 100 as empresas usuarias do CDTIC Virtual.

social bookmark now:
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
Galicia