Vigolabs organizar o Hackaton Sanjurjo Badía

Publicado por Mancomún
Xoves, 21 de Xaneiro de 2016

Cartel do hackatonVigoLabs, grupo aberto de persoas unidas polo interese nas tecnoloxías industriais e marítimas, organiza un encontro de desenvolvedores sobre tecnoloxía hardware no mar, ao que deu en chamar Hackathon Sanjurjo Badía, na honra dun dos mellores inventores que tivo Vigo na súa historia.

Trátase dun evento dunha fin de semana, concretamente os días 27 e 28 de Febreiro, que terá lugar no Auditorio Mar de Vigo.

O obxectivo é reunir persoas de distintos perfís para crear proxectos do IoT relacionados co sector marítimo e pesqueiro. A idea é que tanto profesionais como estudantes (principalmente do mundo do desenvolvemento software e deseño industrial) se reúnan esa fin de semana e traballen en equipos multidisciplinares, de entre 3 e 6 persoas, na creación de prototipos relacionados co sector. Os gañadores recibirán fantásticos premios. 

Os organizadores detrás deste evento son Jesús Sayar, desenvolvedor web, que traballa dende Vigo para a empresa madrileña The Cocktail unha das principais consultoras dixitais da capital e todo un referente do ecosistema Ruby on Rails en España; e Eloy Coto, desenvolvedor VoIP que traballa dende Porriño para a empresa londiniense Foehn. Foi un dos primeiros españois no Google Campus de Londres, representando aos gañadores do SeedRocket España- Webphone.

A motivación deste evento naceu como revulsivo para os desenvolvedores da zona, en palabras dos organizadores “Levamos séculos vivindo do mar, pero nunca tentamos facer tecnoloxía para o mar. Son moitas as innovacións que leva un barco e por tanto son moitas as oportunidades de que Galicia volva a ser un referente.” Así o obxectivo é animar a profesionais e estudantes a deseñar novos instrumentos para os barcos e o sector pesqueiro.

Durante a competición, celebraranse tamén de forma paralela varios workshops, que empezarán dende un nivel básico e irán aumentando de nivel a medida que avance a fin de semana, o cal supón unha estupenda oportunidade para aqueles que estean interesados en ampliar os seus coñecementos.

Para o desenvolvemento do proxecto, cada equipo recibirá un kit de hardware aberto que incluirá unha UDOO NEO Extended, xunto a todo o material de electrónica preciso para desenvolver o seu proxecto. Estas placas UDOO son un combinado feito a base de RaspberryPi, Arduino, Sensores e Conectividade, lista para permitir entrarmos pola porta grande no mundo de Internet Of Things. Integran a simplicidade de Arduino na xestión de sensores coa flexibilidade dun micro-ordenador baseado en ARM converténdose nunha poderosa placa de prototipo capaz de executar Linux ou Android. Este hardware deberá devolverse á organización ao finalizar o evento.

O evento é completamente gratuíto e inclúe almorzo, comidas e ceas, grazas aos diversos patrocinadores.

Dado que o aforo está limitado a 100 persoas é preciso inscribirse previamente para reservar a praza e poder participar.

social bookmark now:
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
Galicia