Seminario sobre "creación e comercialización de produtos TIC en Software Libre" no CDTIC

Publicado por Mancomún
Luns, 19 de Maio de 2014

Este venres 23 de maio, o Centro Demostrador TIC acollerá o seminario “Creación, desenvolvemento e comercialización de produtos TIC en software libre” que se impartirá en horario de 12.00 a 14.00 horas. Este seminario forma parte das actividades de formación específica para persoal directivo que se están a impartir desde o pasado 8 de maio e ata o 6 de xuño nas instalacións do CDTIC.

Banner do seminario no CDTIC

O obxectivo deste seminario é amosar aos directivos de empresas TIC as posibilidades que ofrece o software libre á hora de crear un novo produto TIC así como os condicionantes que esta utilización lles impón á hora de comercializalo e distribuílo.

O encargado de achegar esta formación aos asistentes será o enxeñeiro José María Casanova Crespo quen posúe unha dilatada experiencia neste ámbito, xa que é socio fundador de Igalia, consultora especializada en open source: consultor especializado en software libre e colaborador na Oficina de Coordinación de Software Libre da AMTEGA; docente na Facultade de Informática da Universidade da Coruña no ámbito das Metodoloxías de desenvolvemento; coordinador do Máster en Software Libre de Caixanova (Igalia-URJC), dende o ano 2007 ao ano 2009, e membro da GNOME Foundation e da asociación GPUL.

Contido e motivación do seminario

A creación dun novo proxecto TIC supón apoiarse no uso de software e ferramentas preexistentes que son a base sobre a que se asenta o noso produto TIC. O Software Libre ou Open Source soportan a maioría dos produtos innovadores que se desenvolven hoxe en día por parte das empresas TIC.

Este seminario achegará aos asistentes unha análise das vantaxes e obrigas que supón incorporar compoñentes con licenza libre na creación e distribución dun novo produto TIC, explicará como afrontan este reto as grandes empresas, como sacar o maior proveito nas comunidades de Software Libre e finalmente recorreranse diferentes modelos de negocio sobre produtos libres e identificaranse boas prácticas para xestionar a propiedade intelectual implicada na construción dun produto TIC.

O programa do seminario será:

  • Software libre. Quen o usa para crear produtos TIC?
  • Incorporar open source no meu produto:
    • Receitas para non reinventar a roda
    • Que fan as grandes empresas TIC?
  • Como licenciar o meu produto
  • Políticas de contribución a proxectos de software libre
  • Software libre e modelos de negocio

Este seminario supón un complemento á formación achegada polo curso Creación, desenvolvemento e comercialización dun produto TIC, que se celebra durante as tardes do 22 e 23 de maio que achegará unha visión práctica sobre o proceso de desenvolvemento de novos produtos TIC e a súa comercialización co fin de axudarlles ás empresas TIC a acadar unha maior competitividade mediante a especialización tecnolóxica a través do desenvolvemento de novos produtos.

A asistencia a ambos seminarios é gratuíta aínda que é necesario inscribirse no web do CDTIC, xa que as prazas son limitadas.

Remarcar que aqueles usuarios que xa estean inscritos no seminario xenérico de Creación, desenvolvemento e comercialización dun produto TIC, e que teñan interese en coñecer as peculiaridades da comercialización de produtos libres, debe inscribirse especificamente tamén no seminario Creación, desenvolvemento e comercialización de produtos TIC en software libre.

Para inscribirse cómpre rexistrarse previamente como usuario do CDTIC obtendo así un Espazo Usuario no Web do CDTIC dende o que poderedes:

  • Inscribirvos nas próximas actividades
  • Levar un histórico das actividades nas que teñades participado
  • Descargar documentación asociada ás mesmas
  • Cubrir on-line os cuestionarios de satisfacción relativos ás actividades nas que participedes.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.

Este seminario forma parte da oferta formativa en software libre no CDTIC dentro do Plan de Acción en materia de Software Libre 2014.

Fonte: Amtega

social bookmark now:
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
Galicia