Publícanse dous videotitoriais de OwnCloud e CiviCRM como apoio ao servizo de proba de aplicacións na nube do CDTIC Virtual

Publicado por Mancomún
Venres, 26 de Febreiro de 2016

Videotitoriais CDTIC VirtualCo obxectivo de facilitar a proba das solucións empresariais dispoñibles no CDTIC Virtual, a Amtega está a elaborar materiais audiovisuais de apoio para coñecer como funcionan e como se lle pode sacar partido a ditas ferramentas.

Polo momento elaboráronse e publicáronse un par de videotitoriais sobre as aplicacións OwnCloud e CiviCRM, dúas das que están agora mesmo dispoñibles no CDTIC Virtual.

Co fin de continuar facilitando o acceso a estas solucións de software libre por parte das pemes, entidades ou cidadanía en xeral, durante os próximos meses seguiranse a xerar contidos de apoio para as diferentes aplicacións dispoñibles a través do CDTIC Virtual.

Owncloud

No caso de OwnCloud elaborouse un pequeno videotitorial que comprenden os pasos iniciais para empezar a traballar con el, subindo información, creando usuarios e grupos para compartir a mesma e ligazóns para poder compartila con clientes ou provedores, por exemplo.

Lembremos que Owncloud, é unha solución libre que permite dispoñer dun servizo de almacenamento e compartición segura de ficheiros na nube (cloud computing) destinada principalmente a pemes e profesionais autónomos. Trátase dunha alternativa libre a outras solucións privativas presentes no mercado (como dropbox o google drive) que ofrece ademais outras funcionalidades de traballo en grupo como calendario ou axenda compartidos.

Para que non coñeza aínda esta solución, lembrar que temos publicado un artigo tecnolóxico sobre owncloud, con opinións de usuarios e provedores, e tamén unha videoentrevista a un dos provedores.

CiviCRM
Pola súa banda o videotitorial de CiviCRM realizouse a partir da gravación dunha sesión demostradora que tivo lugar no CDTIC, orientada a empresas do terceiro sector, que foi editada para que poida ser consultada de xeito máis sinxelo e áxil e organizada en base aos diferentes módulos da ferramenta que foron explicados.

Lembremos que CiviCRM é un software de xestión de relacións cos clientes orientado ao seu uso por parte de organizacións que traballan no eido social. Está dispoñible en máis de 20 idiomas e ofrece un gran número de funcionalidades o que permite unha gran personalización.

O principal atractivo de CiviCRM é que está pensado especificamente para organizacións do terceiro sector (asociacións, fundacións, ONGD, etc) . A xestión de contactos, socios e doazóns de forma integral achega oportunidades de melloras para as organizacións.

Entre os seus módulos principais podemos atopar ferramentas de xestión da base de contactos, rexistro de contribucións, histórico de actividades, envío masivo de correos electrónicos, xestión de campañas e eventos, etc.

CDTIC Virtual

Lembremos que o CDTIC Virtual, é un servizo ofrecido polo Centro Demostrador TIC ás empresas, organizacións e persoas usuarias de maneira que poden probar e avaliar distintas aplicacións a través dun servizo na nube nun entorno privado, durante un período inicial de 15 días e que poderá ser ampliado ata un mes.

As vantaxes desde servizo son que proporciona unha infraestrutura tecnolóxica xa configurada para probar a solución, sen necesidade de dispoñer da mesma nin de contar co tempo dun administrador de sistemas e recursos informáticos. Deste xeito facilítase que as empresas poidan coñecer e avaliar a utilidade e adecuación ás súas necesidades das solucións ofertadas.

Lembrar que ademais das solucións owncloud e civiCRM , tamén se encontran dispoñibles xeshostal e odoo. As persoas interesadas en solicitar a avaliación dunha das aplicacións dispoñibles, non teñen máis que rexistrarse como usuario do CDTIC e posteriormente solicitar a aplicación ou aplicacións que lles interese.

social bookmark now:
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
Galicia