Publicadas as actividades do GPUL Labs

Publicado por Mancomún
Xoves, 28 de Xaneiro de 2016

Logo de GPUL labsO pasado mes de novembro GPUL anunciaba a súa nova iniciativa para, segundo as súas palabras, “recuperar o P de Programadores do nome da asociación e tratar de volver a xerar ese sentimento de comunidade dentro do software libre da cidade da Coruña”; os GPUL Labs.

De xeito resumido, os GPUL Labs son unha serie de talleres, charlas e hackatons de programación baseados en tecnoloxías libres co fin de realizar, de comezo a fin, un proxecto de desenvolvemento software traballando cunha Raspberry Pi, creando unha aplicación web, falando de metodoloxías áxiles de desenvolvemento ou incluso de boas prácticas como code review ou integración continua.

Esta semana informaron da dispoñibilidade xa de toda a información das actividades do evento no web dos <Labs/>. Practicamente cada semana, para facilitar o seu seguimento, realizarase unha actividade sobre unha tecnoloxía diferente, ao longo duns 3 meses, todo co obxectivo final de montar unha enorme e activa comunidade de Software Libre na Coruña.

Así, as charlas comezarán o vindeiro 10 de febreiro coa charla Intro a Python, Git e GitHub impartida por Fran Rúa y Breixo Camiña. Seguirán Programando unha Raspberry, da man de Javier Vila; Git avanzado e code review impartida por José Doval; Scrum/metodoloxías áxiles con Carlos Gardía e Django Framework; APIs REST; e ReactJS con datas e poñentes por confirmar, ademais doutras posibles charlas se hai demanda. A información detallada das charlas pode consultar no roadmap.

Dado que o obxectivo é crear unha comunidade activa de desenvolvedores, estas actividades semanais serán de carácter eminentemente práctico. Contarán cunha breve introdución aos conceptos teóricos, de 45 - 90 minutos e logo xa a aplicar os coñecemento sobre un proxecto real que se colgará no seguinte repositorio de github. A duración total non excederá das 4 horas.

O prazo de inscrición ás actividades xa está aberto, e pode facerse directamente dende o portal web. Así mesmo, hai unha subscrición “premium” dirixida a aqueles que teñan interese en asistir a todas os relatorios e queiran adquirir o pack de Camiseta GPUL Labs, Vinilo + Pegatina de GPUL, Carpeta e libreta de GPUL e pegatinas dun proxecto de software libre, a escoller entre Python, Django, Javascript, Git, Reactjs, Open Source, Docker, Android .

social bookmark now:
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
Galicia