Publicada a beta1 da distribución MiniNo Queiles 3.0

Publicado por Mancomún
Martes, 19 de Xaneiro de 2016

Dende GALPon informan que xa está dispoñíbel a versión de probas «beta1» da futura MiniNo Queiles 3.0.

Captura de MiniNo Queiles 3.0Todas aquelas persoas interesadas en probar todas as novidades e colaborar na detección de posibles fallos, pode descargar a imaxe ISO e o ficheiro de comprobación md5 dende a portal do proxecto MiniNo, e informar de calquera cuestión ou problema que detecten coa beta no foro específico.

Unha das principais novidades que destaca nesta nova versión da distribución MiniNo é a instalación de «Cronopete» para paliar un eventual problema de perda de datos por fallos no disco duro. En palabras do equipo de desenvolvemento “Tendo en conta que as máquinas obxectivo desta distribución adoitan seren bastante vellas é frecuente que teñamos temor á perda de datos por seren o disco tamén moi vello.”

Cronopete é un programa moi sinxelo para realizar copias de seguridade do noso cartafol persoal. É un programa semellante a Time Machine de Mac e ten unha interface moi simple. Na pantalla principal atoparemos información sobre a última copia de seguridade realizada con Cronopete e a próxima copia programada para realizar con Cronopete.

Cronopete xestiona as copias de seguridade do noso «/home» podendo eliminar da copia de seguridade algúns cartafoles que non queiramos que se copien. Isto é moi útil para realizar copias de seguridade do cartafol «documentos» (por exemplo), e crear un cartafol dentro de documentos do que non queremos que realicen copias de seguridade e aí engadiremos os ficheiros que queiramos manter á marxe das copias de Cronopete.

Un dato importante de Cronopete é que non se pode realizar copias de seguridade dentro do mesmo disco do sistema do que estamos realizando a copia. Polo que teremos que dispoñer dun disco (ou unha memoria removible) externo conectado por USB para realizar as copias de seguridade. Inda que isto poida parecer un pouco raro, é lóxico que non realicemos copias de seguridade no mesmo disco xa que en caso de fallar dito disco, perderemos tanto os ficheiros orixinais como as copias.

Outra das novidades é a instalación dunha potente ferramenta de ordes de consola; «inxi» que permite obter de forma fácil información detallada e comprensible do hardware (procesador, gráfica, tarxeta de son, discos, etc) como da configuración e o software instalado (kernel, contorno de escritorio, distro, repositorios) do noso equipo. Esta ferramenta instálase para facilitar información nas consultas no foro de axuda ou para facer calquera instalación de controladores específicos de hardware.

social bookmark now:
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
Galicia