Oviedo e Barcelona reutilizan o software do portal de participación cidadá liberado polo concello de Madrid

Publicado por Mancomún
Luns, 1 de Febreiro de 2016

O pasado mes de Setembro, o concello de Madrid fixo público o seu portal de participación cidadá, Madrid Decide. A plataforma software desenvolvida polo concello para o desenvolvemento deste portal foi tamén publicaba en github con licenza aberta, concretamente AGPL v3.0, baixo o proxecto Consul. Este software foi reutilizado xa por outras cidades como Oviedo ou Barcelona.

Captura do portal Madrid Decide

O obxectivo deste portal de participación cidadá é basicamente establecer unha canle de comunicación directa entre a cidadanía e os seus representantes municipais. Que a cidadanía poida participar activamente nos procesos de toma de decisión municipal e que a súa opinión sexa tida en conta. E un exemplo de goberno aberto.

Proxecto Consul: funcionalidades e licenza

O software do portal de participación cidadá está dispoñible en github baixo a licenza AGPL v3.0. A aplicación está escrita en Ruby e emprega o framework Ruby on Rails, e como frontend emprega ferramentas como SCSS sobre Foundation para os estilos. A folla de ruta deste proxecto é pública, e calquera pode colaborar no mesmo.

En canto a funcionalidades, a día de hoxe conta con dous espazos diferenciados, un espazo de debate e un espazo de propostas, estando previsto desenvolver novos módulos segundo avance o proxecto.

No espazo de debate, a cidadanía pode discutir e debater sobre calquera asunto de interese para a súa cidade. Calquera usuario do portal pode abrir un novo fío de discusión. Os traballadores do concello teñen os seus propios usuarios no portal, claramente identificados, podendo participar tamén nestes debates como calquera outro usuario.

No segundo espazo, o espazo de propostas, calquera cidadá ou cidadán, previo rexistro no portal, pode propoñer novas iniciativas coa intención de recadar apoios suficientes para que a idea sexa consultada a toda a cidadanía con carácter vinculante. A cantidade de apoios necesarios, no caso do concello de Madrid, estableceuse no 2% do censo, uns 53.000 apoios, sendo esta cifra configurable. No momento de alcanzar esta cantidade, a iniciativa pasaría a ser estudada por un grupo de traballo do Concello e pasaría á fase de consulta popular, na que a cidadanía votaría se se debe levar a cabo ou non.

Reutilización

Grazas á publicación do portal como software libre, outras cidades veñen de implantar tamén o seu propio portal de participación cidadá, como por exemplo Oviedo e Barcelona, estando outras cidades como Santiago e Coruña valorando tamén a súa posta en marcha.

No caso de Barcelona, a plataforma de participación está destinada á elaboración participativa do Plan Municipal, e no caso de Oviedo, para o elaboración dos orzamentos participativos. A mesma plataforma de base pode adaptarse ás necesidades, intereses e usos particulares de cada cidade.

En calquera caso, unha vez máis o software libre amosa resultar unha excelente ferramenta para a innovación tecnolóxica, neste caso relativa ao goberno aberto e transparente. Ademais sen dúbida o proxecto verase globalmente beneficiado ao recibir as correccións e melloras de calquera das cidades que o empreguen.

social bookmark now:
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
Galicia