OpenStreetMap nas Administracións Públicas

Publicado por Mancomún
Venres, 3 de Marzo de 2017

Logo OSMO proxecto OpenStreetMap, do que temos falado noutras ocasións, trata de crear un mapa libre do mundo, de xeito participativo e seguindo a mesma filosofía que a da Wikipedia.

Nos últimos anos ten experimentado un incremento moi grande na súa participación, contando xa con máis de 3 millóns de usuarios rexistrados que contribúen a súa mellora. O grado de completitude da información en todo o planeta, así como a alta capacidade de actualización dos datos e de mellora dos mesmos, fai que sexa unha alternativa a outros servizos profesionais, e que tanto empresas, gobernos e outras entidades aposten por esta fonte de información aberta.

OpenStreetMap nas Administracións Públicas

No ámbito específico das administracións públicas, OSM está a abrirse camiño cada vez máis, comezando a darse proxectos de colaboración entre estas entidades, nos que non só as administracións empregan OpenStreetMap, senón que colaboran cedendo e liberando os seus datos para melloralo.

Na propia wiki do proxecto estase facendo unha recopilación sobre todos estes casos de colaboración con administracións e anímase a toda persoa que coñeza algún caso a que o inclúa nesa mesma páxina. Na mesma se poden atopar xa moitos casos de uso e colaboracións de todo tipo, dende resposta a desastres, creación de cartografía nacional, rutas de transporte, identificación de asentamentos, etc.

Neste apartado da wiki tamén se recolle información útil, como poden ser algúns estudos sobre a relación entre o proxecto e as administracións públicas, ou información relativa a cuestións legais como poden ser as relativas ao licenciamento da información, apartado no que as administracións teñen que poñer especial atención en moitos casos.

social bookmark now:
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
Galicia