O I Hackatón solidario “Intro para todos” consegue un prototipo de escritorio adaptado ás necesidades das persoas con discapacidade intelectual

Publicado por Mancomún
Mércores, 20 de Xaneiro de 2016

Cartel de convocatoria do hackaton

O I Hackatón Solidario “Intro para todos”, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Concello de Padrón conseguiu o seu obxectivo: deseñar unha solución que mellore a usabilidade e accesibilidade dos ordenadores da aula CeMIT local coas achegas da cidadanía. 

Trátase dunha solución, baseada en software libre, que permite instalar nos ordenadores da aula un sistema de autenticación alternativo, adaptado a colectivos especiais, con ou sen competencias en lectoescritura, e un perfil de escritorio accesible, que recolla en pictogramas as principais ferramentas e aplicacións utilizadas polas persoas con discapacidade intelectual.

Esta solución piloto foi validada pola AMIPA o pasado mes de decembro e agora instalarase nos equipos da aula CeMIT de Padrón.

O Hackatón, convocado polo Concello, a Amtega e a Asociación de Pais e Nais con Discapacidade Intelectual da Comarca do Sar (AMIPA) reuniu o pasado mes de novembro na aula CeMIT local a unha veintena de programadores, deseñadores, e emprendedores que deseñaron unha ferramenta para facilitar ás persoas con discapacidade intelectual o uso dos computadores.

CeMIT-Innova
Este hackatón é unha iniciativa piloto enmarcada no proxecto CeMIT-Innova, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración con Fundetec, para que a innovación social dixital poida dar resposta aos desafíos sociais locais, servíndose das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e de modelos de colaboración en rede.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), impulsada pola Amtega, está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas. O seu obxectivo é promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.

Fonte: Amtega

social bookmark now:
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
Galicia