Novo artigo tecnolóxico: Alfresco, xestión documental con software libre

Publicado por Mancomún
Venres, 26 de Febreiro de 2016

Logo de Alfresco e a empresa Queres TencoloxíaVimos de publicar un novo artigo sobre outra solución de xestión empresarial. Desta volta trátase de Alfresco, solución para a xestión documental empresarial con Software Libre.

Todas as organizacións, independentemente do seu tamaño, xeran diariamente importantes cantidades de información e documentación, moita dela de vital importancia para o bo funcionamento da empresa: contratos, propostas, presupostos, acordos, fichas técnicas, etc.

Unha boa pregunta para saber se unha solución de xestión documental podería axudar a mellorar a eficacia da xestión da miña empresa é: “Podo atopar facilmente a información e datos que preciso para xestionar o meu negocio?” Se a resposta é non sen dúbida o artigo será do seu interese.

Na actualidade existen numerosas solucións para a Xestión documental tanto privativas como libres, mais neste artigo centrámonos nas solucións libres, polas vantaxes que supoñen, e concretamente na solución Alfresco.

Por outra parte, dada a importancia da existencia de provedores tecnolóxicos próximos e de confianza á hora de abordar a implantación dunha nova solución TIC, falamos con Queres Tecnologías, empresa galega provedora de Alfresco, tendo a través das súas respostas unha visión especializada da solución presentada.

Alfresco, xestión documental empresarial con licenza libre

Alfresco é un Xestor de Contidos Empresarial (ECM) que entre outras funcionalidades inclúe unha completa solución de Xestión Documental que automatiza a captura, xestión, almacenamento e preservación de contidos e documentos dixitais relacionados cos procesos da organización. Todo elo a través dun navegador web e unha interface amigable e intuitiva. Trátase da solución de xestión documental líder do mercado en software libre.

Alfresco é un aplicativo multiplataforma cun alto grao de modularidade e escalabilidade. Ademais intégrase con outras tecnoloxías existentes nunha organización, como LDAP, MS Office, LibreOffice, Outlook ou Thunderbird. O seu modelo aberto fai que as contribucións da comunidade configuren un produto moi competitivo e en continua evolución e mellora.

Queres Tecnologías, proveedor galego de Alfresco con máis de 10 anos de experiencia

Queres Tecnologías é partner de Alfresco dende o ano 2006 e actualmente é un dos partners máis activos en España, con implantacións novas cada ano e clientes tan recoñecidos como Estrella Galicia, Red Eléctrica de España, Servizo Galego de Saúde, Universidad de Rovira, Axis Corporate ou a propia Xunta de Galicia.

Recentemente vén de ser recoñecida como Alfresco Platinum Partner, o que significa un recoñecemento a moitos anos de traballo, levando a xestión documental a clientes medianos, grandes e moi grandes de todos os currunchos de España.

Queres Tecnologías figura no Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia - MapaTic.gal.

Servizos do Centro demostrador TIC de Galicia

Para finalizar lembrar algúns dos servizos que o Centro demostrador TIC de Galicia pon a disposición das empresas galegas. As empresas do sector TIC poden solicitar realizar sesións demostradoras das súas solucións nas instalacións do Centro Demostrador TIC de Galicia. Todas as empresas galegas teñen á súa disposición o Servizo de Consultas TIC do CDTIC ao que pode remitir dúbidas ou consultas relacionadas con posibles solucións tecnolóxicas para as súas necesidades.

Así mesmo lembrar que o Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, é unha ferramenta de referencia para o Centro Demostrador TIC de Galicia de cara a identificar provedores e solucións tecnolóxicas de Galicia e polo tanto punto de información para a elaboración deste tipo de artigos de difusión tecnolóxica.

social bookmark now:
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
Galicia