Novo artigo tecnolóxico adicado á solución Wordpress, unha ferramenta para a creación de sitios web con Software Libre

Publicado por Mancomún
Venres, 10 de Marzo de 2017

Logo WordpressHoxe publicamos un novo artigo na sección de Artigos Tecnolóxicos, orientados a mostrar solucións de Software Libre que poidan ser de interese para as empresas. Neste caso falamos de WordPress, unha das ferramentas máis empregadas para a creación de sitios web.

Ademais de presentar a solución como tal falamos con dúas empresas sobre esta ferramenta, para ter dous puntos de vista diferentes. Por unha banda falamos con Initcoms, empresa galega que ofrece varios servizos sobre WordPress, e por outra falamos con Badamu, unha empresa de ensino de idiomas que é usuaria de WordPress, tanto na súa páxina web como para a súa tenda en liña, na que empregan WooCommerce, un plugin que precisamente permite converter o teu WordPress nunha tenda virtual.

Aproveitamos tamén para destacar que o vindeiro martes 14 de Marzo, terá lugar no CDTIC, en Santiago de Compostela, un obradoiro de iniciación sobre WordPress, así que se tras leer o artigo pensas que esta solución pode ser unha boa opción para a túa empresa, podes comezar a dar os primeiros pasos sobre ela grazas a este obradoiro.

Wordpress: CMS de Software Libre

Wordpress é un sistema de xestión de contidos ou CMS (siglas en Inglés de Content Management System) enfocado para a creación de sitios web na Internet. Aínda que principalmente se coñece pola súa utilización para a creación de blogs, hoxe en día permite a creación de calquera tipo de sitio web e mesmo portais complexos. Segundo diversos análises está presente en algo máis do 25% dos sitios web na Internet, é dicir, unha de cada catro páxinas que hai na Internet está feita con Wordpress. É unha solución de software libre liberada baixo a licenza GPL.

Servizos do Centro demostrador TIC de Galicia

Para finalizar lembrar algúns dos servizos que o Centro Demostrador TIC, o CDTIC, pon a disposición das empresas galegas. A través do servizo PresentaTIC as empresas do sector TIC teñen a súa disposición o espazo e os medios precisos para amosar as súas solucións TIC ante clientes potenciais mediante a celebración de sesións de demostracións ou presentacións.

Así mesmo lembrar que o MapaTIC.gal, é unha ferramenta de referencia para o CDTIC de cara a identificar provedores e solucións tecnolóxicas de Galicia e polo tanto punto de información para a elaboración deste tipo de artigos de difusión tecnolóxica.

E por último, o CDTIC Virtual, un servizo de aplicacións na nube, no que empresas, organizacións e persoas usuarias poden probar e avaliar distintas aplicacións en software libre, sen necesidade de dispoñer de recursos informáticos propios ou persoal con coñecementos avanzados de sistemas informáticos. Este servizo está a incorporar pouco a pouco novas aplicacións, moitas delas presentadas en anteriores artigos tecnolóxicos.

social bookmark now:
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
Galicia