Novo artigo tecnolóxico adicado á solución LibreOffice, un paquete de ofimática de Software Libre

Publicado por Mancomún
Mércores, 1 de Febreiro de 2017

Logo LibreOfficeHoxe publicamos un novo artigo na sección de Artigos Tecnolóxicos, orientados a mostrar solucións de Software Libre que poidan ser de interese para as empresas. Neste caso falamos de LibreOffice, o xa bastante coñecido paquete de ofimática.

Ademais de presentar a solución como tal, contamos coa colaboración de Librebit, unha empresa galega que ofrece servizos sobre esta ferramenta e que mesmo está certificada pola The Document Foundation, a entidade que desenvolve LibreOffice. Falamos con eles para que nos conten máis sobre esta solución.

Dende o outro punto de vista, falamos tamén cunha empresa que implantou esta solución, Gadiex, unha empresa galega que está en proceso de migrar parte dos seus sistemas a software libre e que confiou en LibreOffice como ferramenta de ofimática.

LibreOffice

LibreOffice é unha suite ofimática libre desenvolvida por The Document Foundation e creada no ano 2010 coma un fork de OpenOffice polos principais desenvolvedores da comunidade.

LibreOffice é unha suite ofimática completa que conta cun procesador de textos, folla de cálculo, xestor de base de datos, presentacións, editor de fórmulas matemáticas e programa de debuxo. Permite tamén a conversión directa de calquera documento a formato PDF. É altamente extensible tamén, de xeito moi sinxelo, grazas ao seu mecanismo de extensións, que nos permite incorporarlle novas características ou funcionalidades e tamén patróns de documentos, traducións e correctores tanto ortográficos como gramaticais.

Servizos do Centro demostrador TIC de Galicia

Para finalizar lembrar algúns dos servizos que o Centro demostrador TIC de Galicia pon a disposición das empresas galegas. As empresas do sector TIC poden solicitar realizar sesións demostradoras das súas solucións nas instalacións do Centro Demostrador TIC de Galicia. Todas as empresas galegas teñen á súa disposición o Servizo de Consultas TIC do CDTIC ao que pode remitir dúbidas ou consultas relacionadas con posibles solucións tecnolóxicas para as súas necesidades.

Así mesmo lembrar que o Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, é unha ferramenta de referencia para o Centro Demostrador TIC de Galicia de cara a identificar provedores e solucións tecnolóxicas de Galicia e polo tanto punto de información para a elaboración deste tipo de artigos de difusión tecnolóxica.

E por último, o CDTIC Virtual, un servizo de aplicacións na nube, que permite obter unha instancia dunha aplicación de Software Libre, para poder probala sen necesidade de facer unha instalación propia. Este servizo está a incorporar pouco a pouco novas aplicacións, moitas delas presentadas en anteriores artigos tecnolóxicos.

social bookmark now:
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
Galicia