Máis do 85% das empresas galegas de máis de 10 traballadores empregan software libre

Publicado por Mancomún
Luns, 17 de Abril de 2017
  • Neste rango empresarial Galicia supera a media estatal e sitúase por diante de comunidades como Madrid, Cataluña e País Vasco
  • A metade das microempresas galegas empregan software de código aberto
  • As aplicacións libres con maior implantación nas empresas galegas son os navegadores de Internet e as aplicacións ofimáticas libres

O software libre nas empresas informáticas galegas, ano 2016O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) acaba de publicar os informes sobre uso do Software Libre nas empresas informáticas, pequenas ou medianas empresas galegas do ano 2016.

Máis do 85% das empresas de 10 ou máis empregados e a metade das microempresas galegas empregan software libre. Cabe salientar que as medianas e grandes empresas galegas superan a media do Estado no uso do Software Libre, situándose no noveno posto do ranking estatal, por diante de comunidades como Madrid, Cataluña ou País Vasco. No caso concreto do sector TIC galego o uso dos software libre elévase un 87,2%.

Son os datos recollidos nos dous estudos sobre o uso de Software Libre nas empresas e nas empresas informáticas de Galicia no ano 2016, publicados polo OSIMGA, adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Tipoloxía de software empregado

As aplicacións libres con maior implantación nas empresas galegas seguen a ser os navegadores de internet e as aplicacións ofimáticas libres, cun aumento de 2,1 puntos entre as grandes empresas con sede na nosa Comunidade e de 3,7 puntos entre as microempresas.  

Ademais, un 22,3% das microempresas galegas empregan sistemas operativos de licenza libre, incrementándose esta porcentaxe en 3,7 puntos, o maior incremento dos últimos catro anos. Por outra banda, unha de cada tres grandes empresas empregan sistemas operativos de código aberto.  

O uso do Software de seguridade, plataformas de aprendizaxe, servidores de correo electrónico libres medrou tanto en microempresas (17,5%) como en empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia (37,2%).  

As empresas informáticas galegas como provedoras de solucións TIC

Entre as empresas informáticas galegas que se adican á venda de software, máis da metade (55,6%) ofertan produtos de software libre aos seus clientes. Os programas de Software Libre máis ofertados son os sistemas de “Xestión de contidos de portais e páxinas web”, “Sistemas de xestión de bases de datos” e os “Servidores web”. Ademais, a oferta de Software Libre supera á de Software Privativo nos seguintes casos:  “Xestión de contidos de portais e páxinas web”, “E-learning” e “E-commerce”.  

Debilidades e fortalezas do software libre

As barreiras para a implantación do Software Libre varían en función ao tamaño das empresas: O descoñecemento de solucións ou a falta de referencias sobre os produtos de Software Libre é o motivo máis citado polas microempresas, o 15,7% concretamente, mentres que o temor aos problemas que pode ocasionar a migración a sistemas ou aplicacións libres é a razón para frear o uso do Software Libre máis citada polas grandes empresas (6,9%), porcentaxe superior á que se rexistra entre as microempresas (5,9%).  

En relación ás fortalezas, os principais aspectos que valoran os clientes do Software Libre son: o custo, cun 83%, seguido xa, a distancia, da independencia do provedor (46,3%).

Plan de Software Libre da Xunta

Desde o anos 2010 a Xunta de Galicia, a través da Amtega, vén desenvolvendo, en colaboración cos principais axentes do software un Plan anual para o impulso e difusión do Software Libre na Administración, nas empresas e entre a cidadanía. Ás actuacións deste Plan súmanse as actividades do Centro Demostrador TIC para achegar ás empresas as diferentes solucións en software libre ao seu alcance e as realizadas a través da Rede de Aulas CeMIT para formar á cidadanía neste tipo de ferramentas.

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative Commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal:

Fonte: Amtega

social bookmark now:
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
Galicia