Iceweasel volverá chamarse Firefox en Debian

Publicado por Mancomún
Venres, 19 de Febreiro de 2016

Logos de Iceweasel e FirefoxPara os usuarios GNU/Linux Debian os tempos de uso de Icedove e Iceweasel rematarán pronto, cando menos empregando eses nomes.

Recentemente, o pasado 17 de Febreiro, Mozilla recoñeceu finalmente que os parches aplicados por Debian sobre o seu fork de Firefox non teñen impacto na calidade do produto, polo que non ten sentido seguir mantendo o re-branding do produto e a xestión bifurcada do mesmo co nome de Iceweasel.

Mozilla recoñece que os mantedores de Debian Iceweasel sempre enviaron upstream os parches que melloraban a calidade do produto, mantendo só no seu fork propio aqueles relacionados con parches específicos de integración na propia distribución Debian. Así pois Mozilla confía en que os mantedores de paquetes de Debian traballan sempre para manter a mesma calidade que os binarios oficiais de Firefox, polo que non ten sentido seguir mantendo o re-branding do produto e a xestión bifurcada do mesmo co nome de Iceweasel.

Por outra parte, o logo de Firefox foi xa publicado cunha licenza libreacorde ás DFSG o que permitirá que Debian empregue sen problema o logotipo de Firefox.

A bifurca, recordemos, xorde no ano 2006 a raíz dos problemas derivados da incompatibilidade das DFSG co uso dos gráficos de Firefox que contan cunha licenza privativa. Debian tiña o permiso de Mozilla para empregar as marcas e o nome de Firefox. Mais como os gráficos de Firefox tiña licenza privativa, o que ía contra as DFSG, Debian decidiu cambiar o logotipo de Firefox e outros elementos gráficos. Debido a isto Mozilla retiroulle o permiso para empregar o nome Firefox, debido a que consideraron que os cambios realizados quedaban fóra dos límites da súa política de uso da marca comercial. Neste punto é no que xorde a bifurcación e nace o navegador Iceweasel. Basicamente o mesmo navegador que Firefox no que se substitúen as marcas rexistradas de Mozilla por outras libres e se lle incorporan melloras de seguridade adicionais seguindo as políticas de actualización de seguridade de Debian.

Segundo se ve no fío da proposta de cambio de nome, semella que a vindeira versión Debian Stretch terá xa Firefox de novo.

Hai tamén conversas semellantes cos equipos mantedores de icedove, o fork de Thunderbird.

social bookmark now:
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
Galicia